As plantas cotiás e o contacto co entorno ocuparon a fin de semana da Aula da Natureza

211

A Aula da Natureza do Concello de Ames vén de programar esta fin de semana un conxunto de propostas relacionadas co entorno e coa biodiversidade, no que a veciñanza amesá de todas as idades tivo a oportunidade de aprender e desenvolver a súa relación co medio ambiente, xa fora coñecendo mellor a riqueza de plantas cotiás que abundan no concello ou fedellando por primeira vez con materiais, obxectos e xoguetes.

A serie de actividades comezou o venres, coa apertura ao público dunha exposición de plantas cotiás ou medicinais no andar baixo da Casa da Cultura de Bertamiráns. A exposición incluíu arredor de 70 plantas diferentes, recollidas no propio concello de Ames, co fin de que as persoas que se achegaran a coñecer estas especies tiveran a posibilidade de obter información sobre plantas que lles foran coñecidas ou próximas.

Deste xeito, cada especie recollida na mostra foi acompañada de cadansúa ficha informativa, coas súas propiedades, os seus usos populares e algunhas curiosidades. Os exemplares de plantas foron complementados cuns pósteres despregables sobre a historia da relación do ser humano coas propias plantas cotiás, formas de preparación, infusións, ou mesmo como secalas ou utilizalas.

Á exposición achegáronse persoas de diferentes xeitos, xa fora de forma casual ao entrar no centro sociocultural de Bertamiráns, ou ben porque asistiron a algunha das dúas visitas guiadas que se realizaron na tarde do venres. Nelas tratáronse con maior detalle algunhas das especies máis sinxelas de atopar no concello de Ames, como os estalotes, plantas moi velenosas das que se extrae a dixitalina, un axente que activa o corazón ante a insuficiencia cardíaca. O sabugueiro, cuxas flores serven como antiinflamatorio ante picaduras, ou o fiúncho, moi común e con grandes propiedades dixestivas, son outras das especies máis abundantes do termo municipal das que se falou na exposición.

O sábado pola mañá proseguiuse coa programación relacionada coas plantas cotiás, cunha saída botánica pola contorna da Casa da Cultura de Bertamiráns. Arredor dunha ducia de persoas participaron na andaina, que transcorreu dende O Pedregal ata Castrigo, e na que se puideron observar e recoller unha boa parte das plantas expostas na mostra do centro sociocultural, que permaneceu instalada alí ata o final do propio sábado.

Por último, para pechar as actividades da fin de semana da Aula da Natureza, celebrouse ao mediodía do sábado no parque do Ameneiral de Bertamiráns un taller sensorial ao aire libre. No obradoiro, organizado en colaboración co programa Apego de Ames, os bebés de seis meses a dous anos puideron gozar dunha serie de recipientes, obxectos e xoguetes cos que descubrir de maneira autónoma os seus propios sentidos.

A actividade, que se desenvolveu coa colaboración de nais, pais e responsables das crianzas, tivo aos bebés experimentando coas súas propias mans, lanzando pedras á auga, tentando mergullar rollas de cortiza, enterrando as súas extremidades en area ou en terra, ou facendo percusión con paus de madeira.