As rapazas e rapaces amesáns desfrutan do campamento Mar de Cangas

O campamento Mar de Cangas está orientado, fundamentalmente, á práctica de deportes acuáticos (surf, body board, snorquel e scooter).

786

O campamento Mar de Cangas está orientado, fundamentalmente, á práctica de deportes acuáticos

Estarán de volta o vindeiro 20 de xullo, despois dunha semana cargada de actividades. Ao longo destes sete días, practicarán deportes acuáticos como surf, body board, snorquel e scooter. De igual maneira tamén aproveitarán para coñecer a contorna de Cangas e as Illas Cíes.

O campamento Mar de Cangas está orientado, fundamentalmente, á práctica de deportes acuáticos. Porén tamén se realizarán algunhas visitas para coñecer a contorna. Durante a mañá de hoxe, as rapazas e rapaces participantes tiveron a oportunidade de coñecer a vila de Cangas. De igual maneira, o vindeiro luns, 17 de xullo, realizarán unha excursión ás Illas Cíes. Alén dos deportes de auga e das excursións, tamén sobresae o desenvolvemento dunha aula de novas tecnoloxías na que, entre outras actividades, realizarán programas de radio e se filmará unha curta. Polas noites, despois da cea, continuará a diversión con actividades diferente cada día: haberá, por exemplo, un “Cluedo” ao vivo, un asalto ao castelo e unha noite meiga. A última noite celebrarase unha festa de despedida para pór punto e final ao campamento.

As 28 rapazas e rapaces participantes, que están entre 4º da ESO e 2º de Bacharelato, están acompañados por monitores de tempo libre e de educación ambiental, expertos en actividades acuáticas, escalada e animación, entre outras áreas. Durante estes días, tanto monitores como participantes pasarán as noites nunhas aulas adaptadas con liteiras, no Colexio Eduardo Pondal de Cangas.