Ata 1.800 mozas e mozos de Ames aprenden a evitar comportamentos adictivos

249

Proporcionar ao alumnado, familias e profesorado ferramentas para previr o consumo de substancias adictivas, comportamentos ludópatas ou emprego inadecuado das novas tecnoloxías. Ese é o obxectivo do programa de “Obradoiros de prevención de condutas adictivas” promovido pola concellería de Benestar Social. Durante o pasado curso escolar chegaron a un total de 1.795 estudantes entre 11 e 18 anos nas 334 sesións realizadas nos institutos e centrois de ensino infantil e primario de Ames.

Estes obradoiros ofrecen ferramentas para desenvolver capacidades e habilidades persoais que faciliten actitudes de rexeitamento ao consumo de substancias adictivas. Ao longo do curso escolar realizáronse en educación secundaria 129 xuntanzas encadradas no Programa de Prevención de Condutas Adictivas no IES de Ames e no IES do Milladoiro. Houbo pola súa banda 42 sesións do Programa de Regulación Emocional para o alumnado de 4º da ESO, 1º e 2º de Bacharelato do IES de Ames. Cabe destacar, tamén, o traballo realizado cos alumnos de FP Básica dentro do Programa de Prevención de Condutas Adictivas.

En canto á educación primaria, houbo 163 sesións de traballo con 900 alumnas e alumnos dos CEIP de Ventín, Agro de Muíño, Barouta e A Maía. Destas 163 xuntanzas 20 dedicáronse ao Programa de Educación Afectivo-Sexual e as demais ao Programa de Prevención de Condutas Adictivas. Fíxose especial fincapé nas novas tecnoloxías, os videoxogos ou as redes sociais.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, defendeu a necesidade de centrar esforzos na prevención, “dotando de recursos e ferramentas tanto a rapazada como as propias familias e ao profesorado”. “Con estas actuacións pretendemos eliminar ou polo menos modificar os factores de risco e fomentar as ferramentas de protección fronte a este tipo de condutas intentando evitar que se produzan ou polo menos atrasar a idade de inicio”, salientou a edil, para quen “só dende a continuidade, a implicación e o traballo conxunto das institucións e de toda a comunidade educativa se pode conseguir unha prevención eficaz no ámbito das condutas adictivas.”

O programa leva anos implicando tamén ao profesorado e pais e nais na loita contra estas condutas.