Ata o 22 de febreiro está a aberto o prazo de solicitudes do PEL, con axudas que poden chegar a 45.900 euros

58

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, xunto coa deputada de Industria, Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García; e persoal técnico Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación, reuniuse cos presidentes/as e vicepresidentes/as da Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA), da Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE), da Asociación Coruñesa de Transportes Discrecionais e Especiais  (ACOTRADES) e da Federación Galega de Transporte de Mercadorías (FEGATRAMER).

O presidente informou ás asociacións de autónomos que ata o 22 de febreiro está aberto o prazo de solicitude das diferentes liñas de axudas do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, cun orzamento total de 8,2 millóns de euros destinados a apoiar a contratación de persoal, o financiamento de novos investimentos que melloren a competitividade dos pequenos negocios e a sufragar os custos das cotas á Seguridade Social dos profesionais autónomos con axudas que poden alcanzar os 45.900 euros. 

As persoas autónomas poden solicitar unha axuda de ata 2.400 euros para sufragar un ano de cotas á Seguridade Social, é dicir, 200 euros por cada mes de cota subvencionable, pero poden optar tamén a outras liñas do PEL.

O presidente sinalou que as axudas específicas para autónomos son, desde a súa creación, a liña con maior número de solicitudes das axudas do Plan de Emprego da Deputación.

As asociacións de autónomos e transportistas realizaron unha serie de propostas, como a de ampliar as axudas aos autónomos societarios e a aqueles que conten con máis de 5 anos de actividade empresarial. 

Formoso destacou que a Deputación considera vital o papel dos autónomos nas economías dos concellos rurais. É por iso que a Deputación da Coruña está a articular diferentes medidas dirixidas a concellos, empresas e á poboación en xeral onde o factor da poboación do municipio é determinante.

Neste contexto, a liña PEL-Emprende Investimento 2024, que nas convocatorias anteriores ía dirixida a persoas autónomas e pequenas empresas con domicilio fiscal en calquera concello da provincia da Coruña e unha antigüidade máxima de cinco anos, pasa a dirixirse exclusivamente a autónomos/as e pemes de concellos de menos de 10.000 habitantes e suprímese a esixencia de antigüidade co fin de dar resposta ao reto demográfico e contribuír ao asentamento e modernización dos negocios do rural, impulsando a creación de emprego e actividade económica nos concellos máis pequenos da provincia.