Aula CeMIT de Ames ofrece novos obradoiros de informática

As actividades programadas pola Aula CeMIT para os meses de maio e xuño comezan este luns, 15 de maio, cun curso sobre o correo electrónico.

566

Ao longo destes meses impartiranse cursos sobre correo electrónico, busca a través da rede, utilización do smartphone, elaboración do CV, ferramentas de Google e outro máis que completan a programación da Aula CeMIT

A Aula CeMIT, que está situada no segundo andar da Casa da Cultura de Bertamiráns, ofrece novos obradoiros de informática para os meses de maio e xuño. Ao longo destes meses impartiranse cursos sobre correo electrónico, busca a través da rede, utilización do smartphone, elaboración do CV, ferramentas de Google, iniciación aos procesadores de texto con LibreOffice Writer e ás follas de cálculo con LibreOffice Calc, iniciación a Facebook, informática, mecanografía e xadrez para nenos e nenas e a posibilidade de realizar o exame dos cursos libres da plataforma de teleformación EMA.

As actividades programadas pola Aula CeMIT para os meses de maio e xuño comezan este luns, 15 de maio, cun curso sobre o correo electrónico: webmail, que se desenvolverá os luns, de 10:00 a 11:30 horas, ata o 5 de xuño. Os usuarios aprenderán a xestionar os correos web dende o comezo máis básico, co rexistro dun enderezo, ata un nivel máis avanzado coa creación de respostas automatizadas e creación de sinaturas.

Tamén este luns, 15 de maio, comeza o curso Atopa na rede, que terá continuidade ata o 29 de maio, os luns, de 18:15 a 19:45 horas. 

O martes, 16 de maio, dará comezo o curso sobre aprender a usar o smartphone. Desenvolverase ata o 6 de xuño, todos os martes en horario de 10:00 a 11:30 horas, e servirá para sacarlle partido ás aplicacións do sistema.

Desde o vindeiro xoves, 18 de maio, e ata o 8 de xuño, desenvolverase tamén en horario de mañá, de 10:00 a 11:30 horas, un curso para elaborar o CV, no que os participantes crearán un novo currículo coa intención de que sexa claro, conciso e atractivo.

A programación da Aula CeMIT para os próximos meses complétase con diferentes actividades dirixidas aos máis pequenos da casa

O venres 19 de maio será quenda para aqueles usuarios e usuarias que queiran saber máis das ferramentas de Google, coa posta en marcha dun curso que se estenderá ata o 30 de xuño durante todos os venres, de 10:00 a 11:30 horas.

Para o mes de xuño, dentro da programación para adultos, ofértanse tres cursos máis: Iniciación aos procesadores de texto con LibreOffice Writer, que se desenvolverá do 1 ao 19 de xuño os luns e xoves, de 18:15 a 19:45 horas; Iniciación ás follas de cálculo con LibreOffice Calc, a desenvolver do 20 de xuño ao 6 de xullo os martes e xoves, de 18:15 a 19:45 horas; e un curso de Iniciación a Facebook, do 12 ao 22 de xuño, os luns e xoves, de 10:00 a 11:30 horas, no que os participantes se centrarán na rede social por excelencia coa intención de dominar o seu uso persoal e lúdico, con vistas a un futuro curso máis centrado na xestión de páxinas de negocios.

A programación da Aula CeMIT para os próximos meses complétase con diferentes actividades dirixidas aos máis pequenos da casa. O martes 16 de maio dará comezo, ata o 6 de xuño, un curso de Iniciación á Informática, que se desenvolverá os martes de 18:15 a 19:45 horas, centrado na familiarización coa tecnoloxía e a xestión básica do sistema.

Do 24 de maio ao 21 de xuño terá lugar un curso de mecanografía, que se desenvolverá en dúas quendas en función da idade para os participantes. Así, os menores de 10 anos poderán participar desta actividade os mércores, de 18:15 a 19:00 horas, mentres que os maiores de 10 anos poderán facelo tamén os mércores, de 19:00 a 19:45 horas.