Aumentan as entradas no Punto Limpo de Ames

651

Entre os meses de xaneiro e xuño de 2017 un total de 2.822 veciños e veciñas de Ames achegáronse ata o Punto Limpo para depositar alí todo tipo de residuos

O centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames, situado no polígono do Milladoiro, rexistrou durante o primeiro semestre deste ano uns datos que amosan a concienciación da veciñanza amesá co medio. En total, entre os meses de xaneiro e xuño de 2017 un total de 2.822 veciños e veciñas de Ames achegáronse ata o Punto Limpo para depositar alí todo tipo de residuos, favorecendo a súa mellor valorización e evitando o seu depósito incontrolado. Respecto ao primeiro semestre de 2016 incrementouse en 220 o número de entradas.

En relación aos residuos achegados pola veciñanza amesá destaca notablemente o aporte de RAEES (equipos eléctricos e electrónicos), luminarias, pneumáticos e baterías. Tamén cómpre destacar que a achega de aceites diminuíu dende a colocación dos colectores para a recollida de aceite doméstico usado. Asemade, hai outros residuos que aumentan lixeiramente como son os restos de escombros procedentes de obras menores, plásticos, residuos metálicos (ferro e chatarra principalmente), pinturas, pilas, madeira, voluminosos (enseres e colchóns) e aerosois.

Por outra banda, para evitar a utilización do Punto Limpo como centro de xestión de residuos industriais, regulouse o número e peso máximo dalgúns dos residuos que se aceptan, deste xeito os/as usuarios/as non poderán depositar ao mes cantidades superiores a 10 litros de aceites de motor, 10 unidades de aerosois; 50 quilos de escombros; 1 frigorífico; 60 quilos de voluminosos; 3 mobles; 20 litros de aceites vexetais; 2 quilos de pinturas; 2 electrodomésticos e 6 unidades de tubos fluorescentes.