Avanzan as obras da senda entre Outeiro e Costoia

328

Continúan as obras da senda peonil entre Outeiro e Costoia, que arrincaron o pasado 25 de agosto. O proxecto unirá, nunha vía de 1.200 metros de lonxitude, a primeira aldea, na parroquia de Bugallido, coa segunda, na de Biduído. A construción da senda inclúe a canalización previa das augas e a reposición do pavimento afectado. Mediante esta actuación búscase tanto mellorar a seguridade viaria como a canalización das augas.

A obra atende a unha demanda de vello por parte da veciñanza de Outeiro e Quistiláns, así como Framil e Costoia, ao mellorar a seguridade nunha vía que as comunica con Santiago e entre os núcleos. A senda, que integra a conexión peonil dos núcleos do concello, únese aos proxectos da senda da Condomiña, a de Vilouta e a de Eirapedriña e Framán. Tamén á de Biduído de Abaixo, Lapid, Sisalde e a que vai entre Ventín e Coira (Biduído).

O alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro do Medio Rural, Santiago Márquez e a Arquitecta Tecnica, María Gamundi, visitaron as obras da senda peonil. A actuación está incluída no Plan Complementario do Plan Único de Concellos “POS+2019” da Deputación da Coruña.

García incidiu na importancia deste tipo de obras porque “se mellora notablemente a seguridade peonil e a seguridade do tráfico, xa que este tipo de sendas permiten un uso mixto en caso de necesidade”. O rexedor engadiu que este proxecto se suma “a outros que temos previsto executar ao longo do mandato”.

Mellora da rede de abastecemento
As obras inclúen unha mellora da rede de abastecemento en varios tramos. Estes traballos financiaranse con fondos propios do Concello.