O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu o primeiro dos dous foros que se organizaron para explorar proxectos estratéxicos cos principais actores sociais do concello. Participaron representantes de clubs deportivos, asociacións empresariais, culturais, veciñais e de carácter social. Tamén participaron técnicos municipais do Concello e coworkers do espazo colaborativo A Proa. Coas achegas propostas elaborarase un documento que recolla as estratexias e proxectos acordados neste proceso participativo. O segundo foro será a vindeiro xoves, 18 de abril, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.
O rexedor municipal destacou que “dende o convencemento de que o principal valor de futuro para o noso municipio é a capacidade de asociación entre os actores do territorio para afrontar os desafíos comúns, celébranse dous grandes foros municipais da Axenda Urbana de Ames. Estes foros participativos de exploración de retos e proxectos estratéxicos, permitiranos identificar os plans, programas e proxectos prioritarios do Ames de futuro que queremos e podemos conseguir”.
Blas García tamén explicou que “a Axenda Urbana é importante porque vai marcar o desenvolvemento do noso concello nos vindeiros anos, e todos e todas estamos aquí porque estamos preocupados por como vai ser ese avance, ese desenvolvemento. A Axenda Urbana é un documento estratéxico que estamos elaborando a maioría dos Concellos e que, fundamentalmente, ten que ser colaborativo e participativo coa veciñanza de Ames.
A Axenda Urbana de Ames ten unha serie de obxectivos estratéxicos e transversais. Os principais obxectivos estratéxicos son fomentar a cohesión territorial entre Bertamiráns e O Milladoiro, como núcleos centrais integrados e conectados co territorio interno e externo do municipio; poñer en valor os recursos endóxenos do territorio conectándoos entre eles; organizar os recursos e as necesidades de Ames para diminuír os efectos do cambio climático no municipio; xerar un espazo urbano e rural agradable, integrador e acolledor a todas as persoas; atender ás necesidades concretas da poboación de Ames, poñendo atención á súa característica situación demográfica; e dinamizar económica e produtivamente o territorio de Ames.
Por outra banda, entre os obxectivos transversais figuran fomentar e favorecer a gobernanza colaborativa no interior e de cara ao exterior do municipio; asegurar a igualdade de xénero en todos os estadios e proxectos da Axenda Urbana de Ames; e transicionar cara a era dixital no municipio.