Baixan os casos activos de COVID-19 na área sanitaria por segundo día consecutivo

400

A Xunta informa de que a área sanitaria compostelá ten agora mesmo 1.065 casos activos de COVID-19, fronte aos 1.078 de onte e os 1.081 de antonte. Isto supón unha taxa de crecemento negativa do -1,21% nos casos activos na nosa área nas últimas 24 horas, e de -1,48% nas últimas 48. A nivel galego, hoxe contabilízanse 6.704 casos, un 1,01% máis que na mañá do xoves 23.

As dúas áreas máis afectadas seguen sendo, en Galicia, a coruñesa e a de Ourense. A Coruña ten 1.584 casos e Ourense 1.302. A de Vigo é a terceira con 1.169. Hai 647 en Lugo, 550 en Pontevedra e 387 en Ferrol.

A nivel galego, hai 87 persoas en UCI ás que hai que sumar outras 531 hospitalizadas. Case 6.100 persoas son tratados no seu propio fogar. A día de hoxe en Galicia déronse 1.730 altas de pacientes e morreron 498 persoas de COVID-19. Isto supón 54 altas e 6 mortes máis que onte. Fixéronse 78.822 PCR.

Un día máis, os contaxiados en residencias da terceira idade e de persoas dependentes son o 18% do total a nivel galego. Case o 46% dos mortos contraeu a doenza nun destes centros, nos que foi infectado un 3,7% dos residentes. Nas últimas 24 horas non se informou, sen embargo, de ningún falecemento en residencias.