A bandeira do arco da vella ondeará no balcón da Casa do Concello

Este mércores, 28 de xuño, a bandeira do arco da vella será colgada no balcón da Casa do Concello.

735

Durante a lectura do manifesto tamén se estenderá nas escaleiras a bandeira do arco da vella

Este mércores, 28 de xuño, a bandeira do arco da vella será colgada no balcón da Casa do Concello con motivo da conmemoración do Día das diversidades sexuais. O acto, que se celebrará ás 12:00 horas, inclúe a lectura dun manifesto acordado entre os diferentes grupos políticos da corporación municipal e o reparto de material como chapas, mochilas ou adhesivos. A iniciativa encádrase dentro da campaña “Construíndo diversidade”, organizada pola Deputación da Coruña e na que participan 31 concellos.

Durante a lectura do manifesto tamén se estenderá nas escaleiras a bandeira do arco da vella. Cada vez que se lea un parágrafo, unha persoa estendera unha tea dunha das cores da bandeira para, finalmente, conformala na súa totalidade. O manifesto será lido por varios membros da corporación municipal e pola técnica do Centro de Información á Muller (CIM), María Teresa Arufe.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, incidiu en que “non podemos permitir que nunha sociedade avanzada e nos tempos en que estamos se sigan a producir casos de desigualdade, discriminación, acoso, bullyng e burla por mor da identidade sexual ou de xénero. Agora máis que nunca é necesario sacar a rúa a nosa repulsa e informar, sensibilizar, visibilizar a problemática a que se enfronta o colectivo LBGTQI para que non siga a ocorrer. E nesta loita debemos estar todos e todas. Todos e todas somos diferentes e somos iguais. Na diversidade está a riqueza”.