Bernardo Fernández, alcalde de Pontedeume, aspira a presidir o PSOE provincial

55

Bernardo Fernández Piñeiro, alcalde do Concello de Pontedeume, presentou hoxe toda a documentación necesaria para formalizar a súa precandidatura á secretaria xeral da Agrupación Provincial Socialista da Coruña. “Quedan 17 meses para as eleccións municipais e o principal obxectivo do meu proxecto é preparar e fortalecer o partido para lograr o apoio maioritario dos veciños da provincia, como xa pasou no 2019”, asegurou Fernández nunha rolda de prensa.

“Os socialistas demostramos nesta provincia que hai unha forma diferente de facer as cousas e de entender a política que obtivo o respaldo dos veciños, con numerosas alcaldías e a presidencia da Deputación”, engadiu. “Veño dunha agrupación pequena, a primeira vez que me presentei á alcaldía de Pontedeume acadamos tres concelleiros e nas pasadas eleccións nove, cunha política na que a única meta é mellorar a vida dos veciños e veciñas”.

Ademais, Fernández garantiu “unha forma de facer as cousas preto da militancia, apostando por manter unha liña e seguir avanzando no cambio que tamén Galicia necesita, e estou convencido que chegará da man de Valentín González Formoso”.