Bertamiráns acolle dúas catas de queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida

0
46

O local multidisciplinar Dospasos, en Bertamiráns, acollerá o venres 26 e o domingo 28 de novembro dúas sesións de cata de queixos galegos con denominación de orixe protexida (DOP) a cargo da experta catadora Salomé Beiroa. A formadora iniciará os inscritos e inscritas no mundo da análise sensorial dos queixos nestes dous obradoiros independentes.

En cada sesión, as persoas participantes degustarán e aprenderán máis sobre os catro queixos galegos con DOP (Queixo Arzúa-Ulloa, Queixo do Cebreiro, Queixo San Simón da Costa e Queixo de Tetilla). A catadora Salomé Beiroa daralles a coñecer as principais características e cualidades de que cada tipo de queixo, e como consumir mellor e aproveitar estes produtos típicos de Galicia.

Segundo Beiroa, as persoas que participen nesta actividade “nunca van volver ver nin comer o queixo da mesma maneira”, feito que corroboran as persoas que xa pasaron polos diversos obradoiros e catas que a formadora impartiu nos últimos anos.

A catadora xa realizou varias sesións previas neste local da Rúa das Pesqueiras, 6, con éxito de participación. Nesta ocasión serán en horario de tarde o venres 26 (de 20 a 22h) e de mañá o domingo 28 (de 11 a 13h). Cada sesión ten un custe de 25 euros e pode formalizarse a inscrición en catasqueixos@beiroa.org.

Salomé Beiroa leva dúas décadas formando parte do panel de cata da Xunta de Galicia e nos últimos anos impartiu formación para a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), para Galicia Calidade e diversas queixerías, entre outros axentes do gremio.

DEJA UNA RESPUESTA

Please enter your comment!
Please enter your name here