Besteiro afirma que adoptará o modelo de goberno socialista de Ames: “Crece a economía, crece a poboación e gobernamos con solucións reais”

67

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, puxo a Ames como modelo das políticas socialistas que levará á Xunta de Galicia: “Crece a economía, crece a poboación e gobernamos aportando solucións reais para toda a cidadanía”. 

Nun mitin na Casa da Cultura de Ames acompañado do alcalde, Blas García, Besteiro elixiu este concello porque “os socialistas transformámolo facendo que sexa un dos que máis medra en poboación en Galicia nos últimos anos, dentro dun contexto de inverno demográfico en todo o país”.

Así mesmo, destacou que “o equipo que lidera Blas demostra como se deben facer as cousas. “É o único concello de Galicia cun Plan de prevención de incendios forestais en colaboración cos veciños que reparte beneficios e supón unha fonte de ingresos” e “dedican á Educación o 20% do orzamento municipal”.

O socialista sinalou o modelo que levará a cabo no futuro goberno galego, pero advertiu que para elo é necesario que “Galicia vaia masivamente ás urnas”. “Se os galegos e galegas queremos cambio, non pode quedar ninguén na casa. É posible e está na nosa man”.

EXEMPLO DE INCLUSIÓN LABORAL

O candidato tamén tivo unhas palabras para falar da “importancia da igualdade” dentro da sociedade e do labor que deben ter os entes públicos á hora de promovela. En concreto, puxo en valor que Ames é “un exemplo da inclusión laboral” das persoas con discapacidade para os goberno de toda Galicia, grazas á política de contratación socialmente responsable do goberno local. 

Besteiro tamén apuntou a un dos retos do futuro das sociedades modernas como é a Transición Xusta, no que o municipio coruñés tamén está á vangarda. E concreto referiuse a que é exemplar na constitución de comunidades enerxéticas nas que os veciños benefícianse do autoconsumo colectivo. 

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, remarcou que “Besteiro é a única opción de futuro para Galicia”, sendo que “se miramos á dereita está o partido da corrupción e da manipulación”, mentres que “se miramos á esquerda temos ao partido do non e da continua oposición”. Polo que advertiu que “se queremos que Ames se faga realidade a humanización de Rosalía de Castro, a depuradora de Sisalde, a mellora do transporte público e o centro de saúde de Bertamiráns, a única opción é José Ramón Gómez Besteiro como presidente da Xunta”.