Blas García e Feijóo reúnense para tratar a evolución de proxectos en Ames

434
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reúnese co alcalde de Ames, José Blas García Piñeiro, no seu despacho de Edificio Administrativo de San Caetano. Santiago de Compostela, 13/12/2021.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co alcalde de Ames, Blas García, o estado de diversos proxecto de interese público no municipio. Había dez anos que o presidente da Xunta non recibía a un alcalde de Ames en San Caetano, pero hoxe Feijóo cumpriu coa petición que García lle fixo ao acceder ao cargo en abril deste ano. Un dos temas máis destacados na xuntanza foi a mellora da rede de saneamento do municipio e, en concreto, a ampliación da EDAR de Sisalde. Ademais, tratouse a ampliación do centro de saúde de Bertamiráns; a construción dun Centro de Día de atención a maiores; e a creación de novas vías de comunicación no Milladoiro para tratar de reducir o tráfico na N-550.

Blas García aproveitou a ocasión para darlle ao presidente da Xunta varios agasallos: un libro de fotografías de Ames; un libro da poetisa de Ames, Filomena Fraga; e outro libro do cronista oficial de Ames, Maximino Viaño. Tamén convidou a Feijóo a acudir á Casa do Concello. O rexedor amesán destacou ”a boa sintonía existente entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ames”, e agradeceu “a receptividade amosada polo presidente. É fundamental que exista cordialidade e colaboración entre ambas Administracións para que poidamos acordar asuntos importantes para a veciñanza de Ames que son e serán os grandes beneficiados dunha relacións institucional positiva”.

O alcalde deulle conta ao presidente da situación actual de EDAR de Sisalde e solicitou o compromiso da Xunta de Galicia para elaborar o proxecto para a ampliación da depuradora. Núñez Feijóo amosou a súa receptividade con este proxecto e comprometeuse coa redacción do proxecto. Logo de lembrar que esta obra está incluída no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa cun orzamento estimado de 5,5 millóns de euros, Feijóo trasladoulle ao rexedor a posibilidade de incrementar ese financiamento de ter que actuar tamén nos colectores. Nese caso, avogou por unha busca conxunta de financiamento, como optar aos fondos Next Generation ou ao Feder do seguinte período.

Por outra banda, tratouse a creación de novas vías de acceso ao Milladoiro para tratar de diminuír o tráfico da N-550 ao seu paso pola avenida de Rosalía de Castro. O obxectivo é crear novas vías de entrada e saída dende o polígono Novo Milladoiro e dende os lugares de Ventín e Paramuíño que enlacen co corredor AC-522 e coa AG-56.

Outros dos asuntos tratados foi a posible ampliación do centro de saúde de Bertamiráns, onde se atende a 15.671 pacientes. O alcalde de Ames trasladoulle ao presidente da Xunta a vontade de poñer a disposición da Administración autonómica os terreos necesarios para dita ampliación, que se atopan ao carón do actual centro de saúde. Neste senso, Feijóo fixo fincapé nas melloras levadas a cabo nas infraestruturas sanitarias do municipio, como o novo centro de saúde do Milladoiro ou a reparación do ambulatorio de Bertamiráns.

Por último, Blas García propúxolle a Alberto Núñez Feijóo a construción dun Centro de Día de atención a maiores. Para isto xa existe unha parcela en Bertamiráns, que se cedería a Xunta e Galicia co obxectivo de executar dita infraestrutura. García destacou a necesidade de dispor dun Centro de Día público de atención aos maiores, e o presidente da Xunta comprometeuse a estudar a viabilidade deste proxecto

No tocante á educación, Núñez Feijóo valorou que nos próximos dous anos está prevista a construción dun novo CEIP no Milladoiro –cun orzamento de 4,5 millóns de euros- e a ampliación do CEIP Agro do Muíño con 6 novas aulas. Neste senso, Blas García destacou “os investimentos que se van a realizar no noso concello, especialmente no ámbito educativo, como son o novo CEIP de Milladoiro ou a ampliación do CEIP de Agro do Muíño; así como a construción do Centro de Saúde de Milladoiro”.