Blas García encabezará a lista socialista nas municipais de 2023

150

O secretario xeral dos Socialistas de Ames e actual alcalde de Ames, Blas García, comunicou ante a Executiva Local a súa vontade de encabezar a candidatura dos Socialistas de Ames á alcaldía nas eleccións municipais do 28 de maio de 2023. O rexedor socialista recibiu o apoio unánime dos presentes na xuntanza, aos cales agradeceu a confianza, e afirmou afrontar este reto “con ilusión” e “acompañado por un equipo con experiencia na xestión”. Do mesmo xeito, a decisión de ser candidato tamén foi comunicada esta mesma semana á Executiva Nacional do PSdeG.

Dende os Socialistas de Ames esperan obter uns resultados electorais “que permitan darlle continuidade aos proxectos iniciados para que Ames progrese na boa dirección” e afirman ser o único partido cun “proxecto definido para o Ames do futuro”. A este respecto, o alcalde indicou que xa comezaron a dar pasos nesta dirección durante esta lexislatura con actuacións importantes como a humanización da N-550 no Milladoiro ou co novo proxecto da améndoa central de Bertamiráns, pero tamén con importantes investimentos nos accesos e interiores dos núcleos rurais. 

Nunhas semanas, os Socialistas de Ames percorrerán as distintas parroquias que conforman o municipio coa vontade de escoitar as demandas de todos os veciños e veciñas, “porque gobernar é estar ao servizo da veciñanza e dar resposta aos seus problemas, e iso é ao que eu aspiro: seguir traballando por e para eles”, explica o alcalde de Ames, Blas García.