Blas García fai balance do Goberno socialista “de cooperación, non de coalición” e avanza os principais temas para o curso que ven

179

Acompañado de cinco dos sete concelleiros e concelleiras que forman o goberno municipal, Blas García, o alcalde, quixo facer unha valoración sobre a xestión municipal feita dende o mes de xuño no que se formou o novo goberno de cara ao mandato 2023-2027”. Ademais, abordáronse varios proxectos nos que se está traballando para executar nos próximos catro anos, como son a creación dunha praza de abastos e dun parque empresarial, en Bertamiráns, ou dun complexo deportivo no Milladoiro. 

O rexedor socialista de Ames recordou que nos tres plenos celebrados dende as eleccións “aprobáronse asuntos tan importantes como un suplemento de crédito, por valor de máis dun millón e medio de euros, e mailo regulamento de xestión do Ciclo Integral da Auga”, e continúa “un dos grandes obxectivos que temos marcados para este mandato é a posta en marcha da empresa pública de Ames. Nos vindeiros meses haberá que elixir o consello de administración e maila xerencia da empresa”. 

DIÁLOGO

Blas García referiuse ao seu tempo na alcaldía. Afirmou que “imos seguir na mesma liña que mantivemos estes últimos dous anos, sendo un goberno de diálogo, transparencia e colaboración con todos os grupos da Corporación municipal e coas asociacións e colectivos do concello”. Trazou como obxectivo traballar para os veciños e veciñas de Ames, parao que “chegaremos a acordos con calquera grupo da Corporación”. “Somos un Goberno de cooperación, non de coalición”.

BALANCE E OBXECTIVOS POR ÁREAS DE GOBERNO

Planificación e xestión educativa

Reto: A nova regulamentación dos comedores, para seguir sendo referencia en conciliación.

A concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, non puido acudir á rolda de prensa. Do ámbito educativo falou o alcalde, quen recalcou que “o reto para o próximo mandato é modificar o regulamento dos programas de conciliación do Concello de Ames. 

Na actualidade, explica o rexedor socialista, aténdese a preto de 1.500 rapaces e rapazas nos comedores escolares. Para darnos conta da dimensión da cobertura do municipio amesán, Santiago ofrece este mesmo servicio a 1.040 escolares. Por iso, dixo García, “se queremos que este sistema sexa sostible nos vindeiro anos temos que facer un cambio, que imos facer coa comunidade educativa e cos grupos políticos da Corporación municipal. Temos claro que ten que ser un sistema de conciliación. Non pode ser un servizo universal. No mes de setembro temos previsto comezar as xuntanzas para abordar a modificación de dito regulamento”, anunciou.

Durante estes dous meses de mandato leváronse a cabo arranxos nas infraestruturas de todos os colexios, escolas infantís e unitarias, como ven sendo habitual e aproveitando o período de vacacións escolar. Tamén se mantiveron xuntanzas cos diferentes equipos directivos e coas ANPAS dos centros educativos, tanto a nivel individual como a nivel grupal, aportando así diferentes puntos de vista, expoñendo problemáticas e aportando posibles solucións. Ditas reunións cos membros da comunidade educativa continuarán levándose a cabo nos vindeiros meses.

Xestión do medio natural e atención ao rural

Retos: Zonas verdes, hortas urbanas, coidado das mascotas.

O concelleiro de Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural, Transparencia e Patrimonio, Javier Antelo, tampouco puido asistir ao encontro informativo, polo que seu lugar tamén falou o alcalde. Sobre esta área dixo que “o traballo realizado nos dous primeiros meses de mandato nesta área estivo dirixido á limpeza das faixas secundarias. Obtivemos o compromiso por parte de Manuel Rodríguez, Director de Defensa do Monte, para axilizar a limpeza subsidiaria nas franxas secundarias e varios camiños municipais despois da reunión que mantivemos con el”.

Ademais, explicou que se van seguir mantendo as hortas urbanas de Bertamiráns e do Milladoiro, pero ademais está previsto a creación de dúas hortas urbanas novas nas urbanizacións de Aldea Nova e Agro do Muíño, a actualización das listaxes de ditas hortas urbanas, e reunións coas persoas que teñen a concesión das hortas de Bertamiráns e Milladoiro. Tamén anunciou un investimento de máis 15.000 euros nos parques caninos de Bertamiráns e do Milladoiro. 

Por outra banda, nas colonias felinas vanse a colocar cinco iglús de vidro reutilizados, pintados e adaptados para a entrada dos gatos onde van a poder comer e durmir. O obxectivo é recoller ao animal de forma voluntaria para a súa posterior castración, e despois devolvelo no mesmo punto, para ter as colonias controladas.

Promoción económica e emprego

Retos: Ames AV Lab licitado en 60.000 euros e a Praza de Abastos de Bertamiráns.

A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, fixo fincapé en dous dos proxectos que se están desenvolvendo dende o departamento. Por unha banda, explicou que se vén de licitar o servizo de xestión do laboratorio amesán de produción, o Ames AV Lab, por 59.419,65 euros. A concelleira especificou que esta iniciativa ten como obxectivo a aceleración de proxectos audiovisuais, e que busca impulsar a produción, fomentar o talento emerxente e dinamizar o importante tecido produtivo do sector audiovisual do concello. Para iso, empregaranse as instalacións do coworking A Proa, no Milladoiro. “No parque empresarial do Milladoiro temos empresas moi importantes, e todas elas nos mostraron o seu apoio para levar a cabo este proxecto. Esperamos contribuír a axudar a moitos veciños e veciñas de Ames”, sinalou Ana Belén Paz. 

Ademais, dende a Concellaría de Promoción Económica estase a traballar na posta en marcha dunha praza de Abastos na Casa Barbazán, na vila de Bertamiráns. Trátase dunha infraestrutura pensada para uso diario, un espazo cuberto que busca ordenar o espazo exterior. En total, o mercado está pensado para albergar doce postos, que incluirán a venda de produtos de froitaría e verduras e doutros produtos frescos. Tamén se contempla a instalación de panaderías e dunha zona con cámara de frío e local de almacenaxe. Así mesmo, haberá dous postos destinados á venda de peixe e mariscos, con cámaras diferenciadas; e outro espazo de preparación e degustación de produtos naturais de proximidade. “Os dous proxectos van dinamizar moito a Ames, sobre todo polo movemento de persoas que vai haber no noso concello”, finalizou a concelleira. 

Urbanismo, Administración Xeral, Mobilidade

Retos: RPT do Concello, Novo polígono en Bertamiráns, novaas conexións a Novo Milladoiro,

O concelleiro de Urbanismo, Administración Xeral e Mobilidade, Víctor Fernández, sinalou que, na actualidade, se está a desenvolver o plan de estabilización de persoal municipal, polo que se regularizarán un total de 118 prazas de distintos departamentos do Concello. Nese sentido, apuntou que tamén se están a dar os primeiros pasos na posta en marcha de procesos de promoción interna. “Leváronse a cabo sete procesos de promoción interna, o que non é unha cuestión menor, posto que nunca no Concello de Ames sucedera. Somos unha das poucas administracións nas que nunca os traballadores tiveron a oportunidade de promoción interna, algo que mudou neste último mandato”. Así mesmo, Fernández sinalou a necesidade de actualizar as RTP, de xeito que se leve a cabo unha actualización salarial e se muden as funcións de cada posto, que foron transformándose ao longo dos anos.

O concelleiro aproveitou tamén para explicar que unha das prioridades do goberno municipal en canto a urbanismo é “habilitar espazos de convivencia amable e de ocio”, e, nese sentido, puxo en valor as obras da améndoa central que xa se están executando. “A améndoa foi un compromiso feito con fondos EDUSI. É un obxectivo moi ambicioso que vai poñer a Bertamiráns como unha vila moito máis humanizada. Temos licitados todos os proxectos e as obras xa se están executando”. 

De cara ao futuro, Fernández puxo o foco na negociación coa Xunta para crear un novo polígono empresarial en Bertamiráns. “Este é un concello moi puxante, ten moita demanda de parcelas e de solo empresarial. Singularmente, a zona de Bertamiráns é de interese para moitos empresarios e empresarias, e non ten neste momento ningunha oferta de solo público”. Nese sentido, búscase a creación dun polígono que se ubique xunto á rotonda que leva á estrada de Negreira, na parroquia de Caroubáns; que teña conexión directa coa autovía que leva a Brión, e cunha extensión de 60.000 metros cadrados. 

Doutra banda, o concelleiro explicou que se queren mellorar as conexións do polígono empresarial Novo Milladoiro. “Os empresarios e empresarias coméntannos que, para dinamizalo aínda máis, tendo en conta o seu interese económico, é preciso mellorar as conexións de acceso, enlazando coa autovía AG-56”. Fernández explicou que xa existe un proxecto de posibles alternativas que tamén se expoñerá ante a Xunta de Galicia”.

Indicou que antes de que remate o ano estará licitado o transporte urbano municipal, así como o transporte baixo demanda para as parroquias que conforman o concello. 

Benestar Social, Igualdade e Voluntariado

Retos: Adxudicar 68 vivendas de uso social a familias con necesidades especiais e a colectivos vulnerables.

Polo seu lado, Uxía García explicou as actividades que se están levando a cabo na área de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado. A concelleira sinalou que este verán volveu a levarse a cabo o campamento de verán sénior, unha iniciativa que “cada ano conta con maior acollida”. Tamén durante os meses estivais, o Concello volve a colaborar con SOGAPS para que as familias amesás acollan a seis nenos e nenas saharauís, de xeito que pasen unhas semanas lonxe das altas temperaturas do seu lugar de orixe e poidan pasar diversos chequeos médicos. Por outro lado, recordou que se desenvolverá unha edición máis do Delas Fest, un festival de arte urbana con perspectiva de xénero. Xa para rematar, lembrou que se retoma, un verán máis, a iniciativa Painting for Others, unha iniciativa solidaria a través da que diversos voluntarios rehabilitan as vivendas das persoas con menos recursos. 

A titular de Benestar Social tamén quixo avanzar os proxectos que se comezarán a levar a cabo dende o mes de setembro. Por un lado, explicou que buscan reformular o servizo de reparto de alimentos na zona de Bertamiráns e do Milladoiro, realizando diversas melloras. Así mesmo, recalcou a necesidade de comezar a traballar na campaña Soidade Cero. “Hai moitos maiores do noso concello que viven sós. É necesario crear un programa de apoio, de continuidade, que debemos iniciar xa”, explicou. Doutra banda, adiantou que o Concello conta cun convenio asinado cunha entidade bancaria, de xeito que a partir de setembro se adxudicarán 68 vivendas de uso social a familias con necesidades especiais e a colectivos vulnerables. 

Obras e servizos básicos

Retos: Novas prazas de aparcamento e as actuacións no rural.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explicou que “o primeiro que fixen ao chegar á área de obras e servizos básicos foi poñerme ao día sobre os expedientes de tramitación dos proxectos que están en fase de licitación e aos que se van  licitar proximamente do plan Ames Progresa e do POS”. Na actualidade, dixo, “estamos traballando nun proxecto de acondicionamento e mantemento do paseo fluvial de Bertamiráns por valor duns 50.000 euros”. Dixo estar traballando na reorganización das brigadas municipais “porque acabamos de adxudicar o contrato de mantemento das zonas verdes e xardíns, polo que temos que a actual brigada vaise encargar da limpeza das beirarrúas das parroquias do rural. Como non pode ser doutra maneira imos a seguir realizando actuacións nos núcleos rurais”, sentenciou. 

Ademais, explicou que xunto coa concellaría de Urbanismo estase traballando na creación de novas prazas de aparcamento no Milladoiro e Bertamiráns. Estase tratando de localizar parcelas para habilitar zonas de aparcamento. Ademais, vanse desenvolver actuacións de rexeneración urbana no Milladoiro mediante actuacións de re-urbanización e re-definición das prazas de Manuel Murguía, Santander e Correos, e humanización do entorno das rúas Estivada de Castelao e rúa das Camelias, integrando á praza da Madalena, o parque de Estivada de Castelao e os espazos lindeiros ás mesmas. 

Gustavo Nieto agradeceu aos traballadores municipais a súa colaboración cos concelleiros e concelleiras novos para este próximo mandato, xa que nos están axudando a poñernos ao día dos proxectos que están en marcha.

Servizos Económicos, Deportes e Promoción da Saúde

Retos: Escolas deportivas e actividades de promoción da saúde e o complexo deportivo do Milladoiro.

A concelleira de Servizos Económicos, Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, adiantou que tamén a partir de setembro se poñerán en marcha os traballos para sacar adiante os novos orzamentos municipais do ano 2024. No que compete ás demais áreas, Señorís puxo en valor que se seguen a desenvolver as actividades de verán nas piscinas municipais e nos espazos de lecer. “De cara ao vindeiro curso, seguiremos potenciando tamén as escolas deportivas, así como as actividades de promoción da saúde, nas que temos arredor de 2.000 usuarios”, especificou.

Así mesmo, Señorís dixo que “queremos fomentar a práctica deportiva dende os máis pequenos ata os maiores. Traeremos competicións deportivas para darlle visibilidade a disciplinas que se practican no concello”. Ademais, explicou que buscan encadrar os horarios de comedor das escolas municipais e os de comezo das actividades deportivas para que os cativos e cativas poidan anotarse. Por último, a concelleira lembrou que o goberno municipal segue adiante coa tramitación do novo complexo deportivo do Milladoiro, cuxo estudo de viabilidade xa foi aprobado en Pleno. “É unha demanda histórica dos veciños e veciñas do Milladoiro, e emprazarase onde está o centro de saúde da localidade”, rematou. 

Cultura

Retos: Ampliar a variedade da oferta cultural e facer un censo de profesionais culturais.

Dentro do ámbito cultural o alcalde e concelleiro desta área dixo que “durante o verán estase continuando coa programación que xa estaba prevista” pola concelleira do anterior mandato, a nacionalista Natividade González. “Estamos estendendo ao rural dita programación co programa Seráns de Ames e tamén imos a programar para este mes de agosto unha nova edición das Noites en Vela” continuou. Tamén anunciuou melloras nas Casas da Cultura, sobre todo na do Milladoiro na que se vai executar obras que xa están adxudicadas. 

Segundo expliocou o rexedor socialista, “durante o vindeiro semestre vaise a continuar coa programación que está prevista, pero trataremos de dispor de maior variedade dentro da programación cultural que se oferte co obxectivo de incluír concertos de música clásica, monólogos, etc. Temos músicos en Ames con moito talento que pretendemos que actúen aquí no noso concello. Ademais, temos que poñer en valor os grupos e solistas que temos en Ames. Un dos obxectivos é facer un censo dentro das distintas áreas, de persoas e profesionais que temos no concello. Somos un concello moi rico no eido cultural, xa que temos músicos, actores e actrices de primeiro nivel, directores, etc”. Por último, o alcalde destacou que “temos a idea de crear o festival Son de Ames, no que actúen grupos e solistas do noso concello”.