Borja Golán gañou o bronce de squash celebrado en Nottingham

O xogador amesán vén de gañar a medalla de bronce no campionato de Europa de squash que se disputou en Nottingham

Borja Golán segue conseguindo éxitos nos campionatos que disputa. O xogador amesán vén de gañar a medalla de bronce no campionato de Europa de squash que se disputou en Nottingham (Inglaterra). Golán comezou o torneo gañándolle ao italiano Yuri Farneti en por tres sets a cero (11-3, 11-9 e 11-7). Na quenda de cuartos de finais gañoulle a Declan James por 3-1 e nas semifinais tivo que xogar contra o xogador local, James Willstrop, co cal perdeu por tres sets a cero (11-8, 14-12 e 11-4). O xogador inglés acabou gañando o torneo ao imporse na final ao francés Gregory Gaultier.

Deste xeito Borja Golán non puido revalidar o título europeo conseguido en 2016, pero na final de consolación realizou un gran partido para gañarlle ao suízo Nicolás Müller por 3-0 (11-8, 11-5 e 11-6). O xogador amesán valora como moi positivo o terceiro posto conseguido neste campionato de Europa xa que había rivais de moito nivel como o número 1 do mundo, o francés Gregory Gaultier, e o inglés James Willstrop, segundo favorito do torneo e número 6 do mundo. Golán partía como terceiro cabeza de serie neste torneo e realizou un gran campionato.