Bugallido acolle a II Festa do Pan o 11 de maio

46

O Campo da Festa da Bugallido acollerá este sábado, 11 de maio, a II Feira do Pan e do Cereal, coa que se quere poñer en valor un produto esencial na gastronomía, na tradición e na cultura galegas. Esta feira busca animar ás persoas do rural a recuperar o cultivo das terras agrarias con cereais autóctonos como o trigo, centeo ou a cebada; cultivos que noutros momentos quedaron relegados e que agora teñen unha grande oportunidade de triunfar da man da recuperación e valoración do pan tradicional.  

A través de exposicións, charlas, obradoiros e degustacións, a Feira busca ser un referente dentro do seu sector, difundindo a longa tradición panadeira e a gran variedade de pans vencellada á diversidade das paisaxes e dos ingredientes, subliñando a importancia deste produto recoñecido como Indicación Xeográfica Protexida (IGP).

A técnica de Medio Ambiente e coordinadora da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, explicou que “este ano intentamos mellorar algúns aspectos con respecto á edición anterior, como unha maior oferta de obradoiros ou unha única mesa redonda”. Ademais, tamén sinalou que un dos obxectivos era “centrarnos nas panaderías do concello e a contorna, poñendo o foco no produto local e de proximidade”. 

Pola súa banda, o concelleiro de Xestión do Medio Rural, Javier Antelo, sinalou que esta segunda edición da feira “demostra que seguimos traballando para poñer en valor este produto tan noso, con tanta tradición no concello de Ames”. Así mesmo, agradeceu a colaboración e implicación das panaderías e establecementos participantes “que nesta feira buscan poñer en valor a calidade dos seus produtos”. O alcalde de Ames, Blas García, pechou o acto animando á veciñanza a achegarse ata Bugallido para desfrutar desta feira “na que se poñen en valor tanto os produtos como os bos profesionais que temos no concello”.

Durante toda a xornada haberá unha exposición de cereal no Local Social da Agraria a cargo de Villa Regina, así como expositores de degustación e venta de produtos de diversos establecementos do concello. Os establecementos participantes son Chus Sande Obradoiro Artesanal, Panadería Bastavales, Pan de Leis, Forno da Barcia, Pastelería e Bombonería Miguel Ángel, Pan da Moa, Muíño de Cuíña e Panadería La Salud.

Preme aquí para consultar a programación da II Festa do Pan e o Cereal