A Asociación Veciñal de Bugallido, en colaboración co Centro Cultural Mahía e a Asociación Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído, organiza a segunda edición do Ciclo de Xornadas sobre Saúde. Baixo o lema “Abril, mes da saúde en Bugallido”, esta iniciativa ofrece catro sesións divulgativas sobre temas sanitarios de interese xeral. As xornadas terán lugar os xoves 27 de marzo, 3, 10 e 24 de abril no salón do primeiro andar do Centro Cultural Mahía.
O ciclo abrirase o xoves 27 de marzo cun obradoiro de primeiros auxilios impartido por Olga Prados Nieto, enfermeira do Servizo de Urxencias do CHUS. Esta sesión require inscrición previa e dará dereito a unha certificación. O resto das xornadas serán de entrada libre ata completar a cabida.
O programa continuará o 3 de abril cun relatorio sobre a importancia das vacinas, a cargo do doutor Pablo Varela García, internista da Unidade de Enfermidades Infecciosas do CHUS. O 10 de abril, a farmacéutica Paula Lijó Marcote, experta en saúde da pel e menopausia, ofrecerá unha charla sobre o impacto dos coidados dérmicos na saúde xeral. Finalmente, o ciclo pecharase o 24 de abril cun relatorio de Virginia Pubul Núñez, xefa do Servizo de Medicina Nuclear do CHUS, que explicará en que consiste esta especialidade e o seu papel na medicina de precisión.
Ademais destas xornadas, o sábado 29 de marzo ás 17:00 horas, terá lugar no Centro Cultural Mahía o I Encontro Literario “Libro, café, conversa”, organizado polo club de lectura do centro. Nesta sesión participará o escritor Marcos Calveiro, quen conversará cos asistentes sobre a súa traxectoria e obra literaria.
Todas as actividades están abertas ao público e buscan fomentar tanto o coñecemento en materia de saúde como a dinamización cultural da comunidade.