Campamentos de verán e campus

382

O Concello de Ames, a través da Concellería de Deportes, presentou os campus e campamentos de verán que se desenvolverán durante estes meses en Ames. En total, o Concello e a Deputación da Coruña colaboran en 7 campamentos e campus de diferentes clubs e entidades deportivas de Ames. Neles poderanse aprender destrezas sobre fútbol, baloncesto e patinaxe. Todos están previstos entre os meses de xullo e agosto. Esta iniciativa responde tamén á necesidade dun programa de conciliación entre vida laboral e familiar dos pais e nais.

O Concello de Ames e a Deputación da Coruña colaboran en diversos campus e campamentos deportivos que se levarán a cabo durante o verán en Ames. Están previstos dous campamentos de fútbol, dous de patinaxe, un campamento de baloncesto e outro de técnicas deste deporte e outro de fútbol sala.

Na presentación de esta mañá compareceron o alcalde de Ames, Blas García, e a Concelleira de Deportes, Susana Señorís. Tamén acudiu Alberto Viaño, Técnico de Deportes, José Luís Penas, do Basquet Ames, Anahí Sotelo, do Club de Patinaxe Omega, Edmundo Villasanta, do Milladoiro SD, Celtia Pampín, do Club de Patinaxe Sarela, Adrián Alvite, do Bertamiráns FC  e Andrés Cadahia, do XL Milladoiro.

Susana Señorís, concelleira de Deportes, agradeceu que: “Este ano, os clubs derades o paso de organizar este campus que, ademais de fomentar a conciliación das familias que, como todo/as sabemos, é algo moi necesario, voltarase a xogar e a desfrutar do verán. Non soamente é deporte, que é moi importante, senón tamén sabemos que nos campus se fomenta a amizade, o compañeirismo, o respecto… Está a ser unha situación complicada polo protocolo pero, se superamos este, poderemos ter un verán de deporte e desfrute para todo/as”.

O alcalde, Blas García, asegurou que: “e moi importante poder volver a retomar esta actividade. Por desgraza tivemos que estar parados pero nós temos un pequeno chute de ánimo porque levamos presentando toda a semana actividades diversas”. 

Vamos a seguir colaborando como ata agora, e se é posible en maio medida. Ames é un concello xoven e temos que apostar polo deporte porque non só é exercicio físico, senón que tamén todo o que fomenta de amizade, solidariedade, traballo en equipo… Ten unha parte moi importante que é a saúde en si. Ames é un Concello no que estamos apostando pola promoción de saúde e por converter a Ames en un concello que sexa referente no mundo da saúde. 

Campus de fútbol

O Bertamiráns FC organizan o IX Campus de Fútbol do 28 de xuño 2 de xullo. A segunda quedan será do 5 ao 9 de xullo. Terá lugar en horario de 9.00 a 16.00 horas, no Campus de Fútbol Municipal de Bertamiráns. Está destinado a nenas/os entre 5 e 14 anos, para máis información ou inscricións preme neste enlace. 

Asemade, tamén está previsto o Campus Milladoiro SD. Desenvolverase , no Campo de Fútbol Municipal do Milladoiro, do 1 ao 31 de xullo en dúas quendas de horarios diferentes, as dúas de luns a venres. Pola mañá, en horario de 10.00 a 14.00 horas e, de tarde, de 17.00 a 21.00 horas.  Está destinado a nenas/os de entre 6 e 12 anos, e para solicitar máis información ou inscricións accede á súa páxina web. 

Campamentos de patinaxe

O 1 de xullo comeza o Campamento de verán de patinaxe artística do CPA Omega. Desenvolverase ata o 31 de xullo en horario de mañá, de 8.30 a 14.30 horas, na pista cuberta do IES do Milladoiro. Está destinado para nenas/os entre 4 e 16 anos. Para inscribirse ou solicitar máis información, pódese enviar un correo electrónico a info@cpaomega.es.

Outro campamento de verán de patinaxe que está previsto para este verán é o do club de patinaxe a Sarela. Dividirase en dúas quendas, unha delas en xullo, do 19 ao 30, e a outra en agosto, do 2 ao 13. Ambos serán en horario de mañá, de 8.15 a 14.30 horas, no Pavillón Polideportivo de Bertamiráns. Está destinado a nenas/os entre 5 e 17 anos e para más información ou inscricións, pódese enviar un correo electrónico a clubpatinaxesarela@hotmail.com.

Campus de fútbol sala

Un campus de fútbol sala organizado polo FC Meigas e EFS Trasnos.  Levarase a cabo do 1 ao 16 de xullo, de 09.00 a 15.00 horas, no Pavillón Polideportivo de Bertamiráns. Esta dirixido a nenos e nenas de 4 ao 17 anos. Para inscribirse, débese entrar na páxina web do club.

Actividades de baloncesto

Relacionadas co baloncesto, hai previstas dúas actividades, o IV Campus de verán Básquet Ames e as III Xornadas Técnicas de baloncesto. 

A primeira delas está organizada polo club Basquet Ames do 5 ó 9 de xullo e do 12 ó 16 de xullo, das 08.00 horas ata as 14.00 horas.  Terá lugar no Pavillón Polideportivo Municipal do Milladoiro. Poden participar o/as neno/as nados entre 2009 e 2015.  Para información e inscricións, débese entrar na súa páxina webhttp://basquetames.blogspot.com/. Este campamento ofrece o servizo de madrugadores a partir das 08.00 horas e de recollida, ás 14.00 horas. Deste xeito preténdese facilitar aos pais e as nais a posibilidade de conciliar vida familiar e laboral. 

Por outra banda, levaranse a cabo as III Xornadas Técnicas de baloncesto, organizado polo XL Milladoiro, do 5 ao 30 de xullo, de luns a venres. Terá lugar no Pavillón Polideportivo Municipal do Milladoiro, en horario de tarde, de 17.00 a 22.30 horas. Poderán participar os nados entre 2003 e 2015. Para información e inscricións, pódese enviar un email a 3xtecnicasmilladoiro@gmail.com oi chamar ao número 698 126 246. 

Próximos proxectos

O alcalde, Blas García, aproveitou para recordar que o Concello segue “apostando e traballando polo deporte”. A pesar do déficit en instalacións deportivas, estase a intentar mellorar.

“Esperamos que en xuño, ou comezos de xullo, empecemos coas obras de ampliación no pavillón de Bertamiráns, que vai ser unha área deportiva e orientada ao baloncesto. Estamos traballando tamén na mellora das pitas polideportivas do riural que van servir para usar polos veciños, veciñas e clubs unha vez que estean ben preparadas. Seguirmos a traballar noutras obras importantes como cubrir as dúas pistas do Milladoiro, xa temos un proxecto para isto, para poder realizar deporte cando chove e nas melloras do polideportivo”, asegurou o alcalde. 

Blas García anunciou que está a traballar nun proxecto importante que é a creación dunha zona de ocio, cunha piscina, para o Milladoiro.