Campaña solidaria de recollida de alimentos

374

As asociacións veciñais do rural e as concellerías municipais de Transición Ecolóxica e de Benestar Social colaborarán coa campaña “Que ninguén quede atrás”. Esta iniciativa busca que a veciñanza que dispoña de horta, leira ou pomar e teña un excedente de produción poida doalo ao Banco Municipal de Alimentos, de modo que sexa repartido entre as familias máis vulnerables da localidade na súa cesta de produtos frescos. Para facer a doazón hai que pórse en contacto coa Oficina de Voluntariado de Ames
a través do número de teléfono 662 377 044 ou enviando un correo electrónico a voluntariado@concellodeames.gal. A recollida dos alimentos faise no domicilio do produtor, sen que teña que desprazarse. 

O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, explica que “todos aquelas persoas cunha horta, cando facemos a plantación, sempre nos parece que poñemos pouco e despois, se o tempo axuda, non damos consumido toda a produción, que vén toda xunta”. Sinala que a iniciativa pretende “que ese produto de excelente calidade co que nos obsequian as nosas hortas e non consumimos, sexa compartido con aqueles que máis o necesitan”. Lens aclara que a iniciativa recollerá tamén froitas de tempada, como mazás, peras, pexegos ou ameixas, ademais de produtos da horta. 

Luísa Feijóo, edil de benestar Social, salienta a solidariedade local neste tipo de iniciativas. Agradeceu, igualmente, a boa acollida da campaña.