“Canta con Ames” pechou a súa segunda edición no Ameneiral

178

Adriana Vigo (infantil), María Iglesias (xuvenil), Montse Angueira (sénior) e José Rey (súper sénior) son os gañadores en cada categoría da última edición do “Canta con Ames”, cuxa final se desenvolveu o pasado sábado no parque do Ameneiral de Bertamiráns. Ao acto acudiron moitos veciños, quen presenciaron en directo a actuación dos doce finalistas.

Esta segunda edición arrincou con coas dúas xornadas de preselección na que participaron 25 persoas: 11 concursantes no Milladoiro e 14 en Bertamiráns. Tras a preselección e a semifinal, que se celebrou o pasado 6 agosto, o xurado do certame seleccionou a 12 finalistas. Na final interpretaron dúas cancións de distinto estilo musical.

Durante a final pasaron polo escenario varias convidadas como Noelia Bellas, gañadora da primeira edición na categoría sénior e membro do xurado; Lara López, gañadora xuvenil do ano pasado, que cantou con Inés Suárez, parte do xurado; e Carmen Cuevas, gañadora infantil do primeiro Canta con Ames. Tamén cantou unha canción Rosa, ex-concursante eliminada na semifinal. Finalmente, a deseñadora do cartel desta edición, Antía Montero, veciña do Milladoiro que ten 15 anos, non puido asistir á final.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceu a participación de todas as persoas concursantes. Tamén felicitou os gañadores e agradeceu a Ines Suárez Rey, Susana López Carbia e Noelia Bellas Ferreira formaren parte do xurado desta edición, e a Loli Gómez por presentar as diferentes fases do concurso.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou “o éxito da segunda edición do Canta con Ames, o que demostra que xa se está asentando e que é un formato que gusta. Agora toca comezar a preparar a terceira edición, a do 2023″.

Premios
Os gañadores en cada categoría recibiron un trofeo en recoñecemento da súa participación, ademais dunha cesta saudable, un vídeo profesional, unha actuación nas prebadaladas de fin de ano, e dúas tarxetas de 100€ (unha delas da Xuntanza de Empresarios de Ames, XEA, para comercios de Bertamiráns, e outra da Asociación de Empresarios Polígono Novo Milladoiro).

Ademais, os gañadores actuarán antes da orquestra Panorama no concerto desta agrupación o vindeiro 18 de setembro no Milladoiro.