Carmen Lemos preside a Comisión de Orzamentos Participativos 2017

425

O prazo para que asociacións e particulares presenten as súas propostas remata o día 23 de xuño

María del Carmen Lemos, representante da parroquia de Covas e Genma Uria, concelleira de Economía e Facenda, foron elixidas por unanimidade presidenta e secretaria respectivamente da devandita Comisión. É a primeira vez que un goberno en Ames propón orzamentos participativos para o rural. O prazo para que asociacións e particulares presenten as súas propostas remata o día 23 de xuño. Até o momento recibíronse preto de 70 propostas.

A Comisión, constituída en cumprimento das bases que regulan o proceso de Orzamentos Participativos, acordou, tamén por unanimidade, ampliar o prazo até o 23 de xuño para que as dúas parroquias que aínda non nomearon representante poidan facelo e incorporarse así á Comisión. Ademais acordouse que a seguinte xuntanza da Comisión tería lugar o vindeiro xoves, día 6 de xuño, ás 21:00 horas no pazo da Peregrina. Por outra parte a Comisión acordou tamén por unanimidade dos membros presentes aceptar as propostas que varios veciños e veciñas entregaron os días 7 e 8 do mes de xuño, antes do prazo establecido para que entren a formar parte do proceso.

A estas xuntanzas acudiron máis de 200 veciños e veciñas

Os orzamentos participativos son unha ferramenta activa de participación e xestión na que a cidadanía fai propostas e decide o destino de parte dos recursos municipais. A través desta iniciativa, que é a primeira vez que se pon en marcha no Concello de Ames, recóllese a proposta do goberno de participación da veciñanza asignando a cantidade de 132.000 euros como orzamento participativo destinado a gastos do Capítulo VI (investimentos reais) cun reparto igualitario de 12.000 euros para cada unha das 11 parroquias (Lens, Tapia, Piñeiro, Ameixenda, Trasmonte, Agrón, Covas, Bugallido, Ames, Biduído e Ortoño) para actuacións no rural.

O goberno municipal desenvolveu unha intensa campaña de información e difusión desta proposta e realizou, desde o 18 de maio, 14 xuntanzas veciñais nas 11 parroquias do municipio. A estas xuntanzas acudiron máis de 200 veciños e veciñas. Unha vez finalizados entres encontros coa veciñanza dende o goberno municipal fixo un balance moi positivo pola alta participación de veciños/as e polo de debate creado sobre a iniciativa de orzamentos participativos. Ademais, estas xuntanzas serviron para que os participantes lle trasladaran ao goberno as primeiras demandas e lles falaran das necesidades de actuacións no rural.

Até o día 23 de xuño está aberto o prazo para que asociacións e particulares presenten as súas propostas. Posteriormente a Comisión de Orzamentos Participativos xuntarase de novo o día 6 de xuño, ás 21:00 horas no pazo da Peregrina.