A I Carreira da Familia terá lugar este domingo no Milladoiro

A I Carreira da Familia celebrarase o vindeiro 30 de xullo, a partir das 10:00 horas, na Travesía do Porto no Milladoiro.

461

O punto central da I Carreira da Familia será unha carreira “simbólica” de apenas tres quilómetros a través das rúas de Milladoiro

A I Carreira da Familia celebrarase o vindeiro 30 de xullo, a partir das 10:00 horas, na Travesía do Porto no Milladoiro. O diñeiro recadada coas inscricións irá destinado á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG), unha asociación sen ánimo de lucro que desde o 2012 contribúe a mellorar o estado das nenas e nenos oncolóxicos e das súas familias en Galicia. A actividade está organizada polo Concello de Ames a través da Concellaría de Deportes.

O punto central da I Carreira da Familia será unha carreira “simbólica” de apenas tres quilómetros a través das rúas de Milladoiro. Alén diso, durante a mañá tamén se desenvolverán diferentes actividades lúdicas para toda a familia como unha festa con DJ, inchables, animación, obradoiros, premios e un sorteo. Así, a I Carreira da Familia comezará ás 10:00 horas coa entrega de dorsais e bolsa regalo na carpa da organización. Ás 10:30 empezarán as actividades cunha sesión de música, animación e baile. A seguir, ás 11:00 horas haberá unha sesión de quecemento grupal para preparase para a Carreira da Familia que dará inicio ás 11:15 horas. A partir das 11:45 terán lugar máis actividades lúdicas con inchables e diferentes xogos. Finalmente, ás 13:00 horas será o final da festa cun sorteo de agasallos e a entrega dos premios.

A participación será individual ou en familia e, para as gañadoras ou gañadores, haberá diferentes premios (por orde de chegada á meta): á familia máis numerosa, á avoa ou avó de máis idade, á primeira ou primeiro en chegar á meta individualmente, á primeira familia de dous integrantes, á primeira de tres, á primeira de catro e á primeira de cinco (cuxos membros deberán chegar todos ao mesmo tempo nestes casos).