Case 3.800 estudantes comezaron hoxe o curso en Ames

63

Este luns arrincou o curso escolar en Ames, onde cursan estudos 3.727 alumnas e alumnos de infantil, primaria e secundaria. Dende o Concello salientan que os servizos complementarios -comedor, Bos Días e Tardes Divertidas- acadan este ano novamente máis de 2.200 usuarios.

O alcalde, Blas García, visitou esta mañá o CEIP Agro do Muíño xunto coa concelleira de Educación, Carmen Porto. As instalacións atópanse en obras de ampliación para dar cabida a 150 alumnas e alumnos máis. Estivo con eles a directora, María do Carme Liñares.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou a aposta do Concello pola educación, lembrando os acordos coa Xunta de Galicia para arranxos no CEIP Barouta ou a facilidade para a licenza de obra no centro Agro do Muíño. A concelleira de Educación, Carmen Porto, que tamén estivo no CEIP de Barouta, cifrou en 46.870 euros as obras de mantemento dos colexios que levou a cabo o Concello no verán.