Case 60 denuncias por incumprimento de medidas contra a COVID-19 a pasada fin de semana

0
64

A pasada fin de semana tiveron lugar en Ames un mínimo de 7 festas ilegais en domicilios privados, segundo datos da Policía Local, que desaloxou todas as reunións. Foi unha fin de semana intensa con con diferentes actuacións que se saldaron coa imposición de 59 denuncias por incumprimento das medidas establecidas para facer fronte ao Covid-19.  Dáse a circunstancia que tiveron que acudir ata en cinco ocasións na mesma noite para desaloxar a mesma festa por avisos dos veciños por ruídos e música no interior do domicilio. A policía iniciará dilixencias xudiciais contra o titular da devandita vivenda por ser multirreincidente no incumprimento da medidas fronte ao Covid-19.

Ao mesmo tempo, a noite do pasado venres foron identificadas doce persoas incumprindo o toque de queda nunha praza do Milladoiro. Durante a identificación e denuncia un axente sufriu a rotura do uniforme.

O Concello de Ames, a través da Policía Local, activará un dispositivo especial de seguridade e vixilancia para controlar o cumprimento das medidas sanitarias e as restricións establecidas fronte á COVID-19 e evitar situacións como as vividas esta pasada fin de semana. En total foron 16 denuncias por incumprimento do toque de queda, 14 denuncias por non facer uso da máscara e 29 denuncias por reunións de persoas non convivintes.

 A permanencia de grupos de persoas limítase a un máximo de catro en espazos pechados de uso público e de seis en espazos abertos ou ao aire libre de uso público. En espazos de uso privado, a permanencia de grupos de persoas quedará limitada aos constituídos exclusivamente por persoas convivintes. En todo caso, recoméndase restrinxir ao máximo a interacción social e que os encontros queden limitados unicamente á unidade de convivencia.

Desde o Goberno local faise fincapé na necesidade do “compromiso persoal e responsable” dos veciños e veciñas á hora de poñer freo á transmisión do virus, lembrando que “en ningún momento podemos baixar a garda e que debemos adoptar as medidas preventivas establecidas”.

O Concelleiro de Administración Xeral Víctor Fernandez, apela á responsabilidade individual de toda a veciñanza e pide que se “continúe xuntando esforzos e adoptando as medidas de prevención coa máxima responsabilidade, evitando calquera situación que poida poñer en risco a saúde e a seguridade da poboación”.

DEJA UNA RESPUESTA

Please enter your comment!
Please enter your name here