Cegasal recoñece o Concello de Ames co Premio á Administración Local

273

O galardón Cegasal á Administración Local recoñeceu esta semana o Concello de Ames pola súa “longa traxectoria apostando pola economía social e os centros especiais de emprego de iniciativa social”. O alcalde, Blas García, e mais a edil de Promoción Económica, Ana Paz, recolleron o premio nun acto celebrado o pasado martes 21 no compostelán Hotel Puerta del Camino.

Cegasal, a entidade que entregaba o premio, sinalou o Concello como “un exemplo de como xestionar un municipio sen deixar a ninguén atrás, así como de sensibilidade para os que teñen maiores dificultades”. O alcalde, ao recoller o galardón, afirmou que a prioridade principal da súa administración é que a “ veciñanza viva cunha boa calidade de vida”. Ana Paz apuntou que “este é o premio ao empeño do Concello de Ames por mellorar a vida da xente”.

Cegasal é unha organización empresaria sen ánimo de lucro de carácter multisectorial que se constitúe en 1997 como entidade de referencia, defensa, promoción e representación das iniciativas empresariais sen ánimo de lucro de Economía Social, como son os Centros Especiais de Emprego cuxo obxectivo é fomentar o emprego de calidade das persoas con discapacidade e persoas en situación de risco de exclusión social e a súa inclusión na actividade económica, social e empresarial de Galicia.