A AMPLIACIÓN FARASE CON 60.000 € DOS FONDOS MUNICIPAIS
O pasado venres, 7 de setembro, membros do goberno municipal achegáronse ata o CEIP de Barouta para presentar o proxecto de ampliación deste colexio que permitirá construír un novo espazo multifuncional de 170 metros cadrados, que virá a paliar o déficit desta aula dende que se habilitou o comedor escolar neste centro educativo. Trátase dunha demanda feita pola comunidade educativa dende hai moitos anos e que o Concello de Ames executará a través de fondos propios. Este proxecto, que actualmente está en fase de execución coa realización de catas, ten un prazo de execución de catro meses, polo que está previsto que a comezos de 2018 se poida comezar a empregar esta nosa sala de usos múltiples.
Esta actuación conta cun orzamento municipal de execución de 60.380 euros e permitirá habilitar no primeiro andar do CEIP de Barouta un novo espazo de 170 metros cadrados para diferentes actividades. A fase de execución das obras ten un prazo de catro meses, polo que está previsto que para o vindeiro mes de xaneiro xa se poida empregar esta nova sala. Así, recupérase un espazo común despois que se dedicase a antiga sala de usos múltiples para habilitar un comedor escolar.
A visita de hoxe tamén serviu para falar coa dirección do centro e modificar a zona de entrada ao colexio do alumnado, xa que os alumnos/as que empregan o transporte escolar entran pola parte traseira, unha zona que agora está pechada polas obras. Deste xeito, o alumnado de 1º e 2º de primaria vai a entrar por un lateral do centro, mentres que os alumnos/as de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria entrarán polo outro lateral.
O proxecto foi presentado polo concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e pola concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero. A esta presentación asistiron o director do colexio, persoal técnico do departamento de Educación, representantes da empresa local Construcciones Iglesias Mera que é a adxudicataria das obras, o arquitecto e director da obra, unha inspectora educativa da Xunta de Galicia, un representante da Federación de asociacións do rural (Federames) e unha representante da ANPA San Mauro do CEIP de Barouta.
Proxecto financiado con fondos municipais
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explicou que “este proxecto enmárcase dentro das actuacións acordadas entre o Concello de Ames e a Xunta de Galicia para este ano 2017. Esta obra realizarase con cargo aos fondos propios municipais co obxectivo de dar resposta a unha vella demanda da comunidade educativa. Deste xeito, disporase dunha nova sala para destinar a usos comúns do Concello e da comunidade educativa no ámbito da conciliación da vida laboral e familiar, entre outras actividades do centro escolar”.
Froito de dita colaboración coa Consellería de Educación tamén se vai habilitar unha nova sala de usos múltiples no IES plurilingüe de Ames, por valor de 522.012,08 euros, e construiranse 6 novas aulas no CEIP Agro do Muíño, para grupos de educación primaria, coas que este colexio pasará a ter unha liña más. Estas obras serán sufragadas pola administración autonómica. Por último, estase traballando na posta a disposición da Xunta de Galicia dos terreos necesarios para a construción dun novo CEIP no Milladoiro.