Cen novas prazas de estacionamento no polígono do Milladoiro

348

O Concello vai ampliar o número de prazas de estacionamento dispoñibles no Novo Milladoiro, segundo lles anunciou o alcalde de Ames, Blas García, aos membros da Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro nunha xuntanza mantida onte na que tamén estiveron presentes o concelleiro de Seguridade Cidadá, Víctor Fernández, a concelleira de Tráfico e mobilidade, Beatriz Martínez e a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz. Os membros do Goberno local tamén adiantaron que en setembro comezará un estudo de mobilidade do parque empresarial.

A nova máis agardada polos empresarios da área era a ampliación das prazas de aparcamento. No primeiro tramo da rúa Castiñeiras pasarase de 48 a 104 prazas e de 40 a 60 no segundo. O presidente de Asociación de Empresarios, Javier Santos, mostrouse satisfeito. “É unha actuación moi necesaria porque o polígono do Novo Milladoiro está a vivir un momento de crecemento económico cun aumento das naves, do número de empregados e as empresas en alza”, destacou.

Estudo de mobilidade
O Concello tamén vai levar a cabo no polígono do Novo Milladoiro un estudo de mobilidade a partir do mes de setembro. Buscarán mellorar o tránsito de vehículos e camións, facilitar o acceso ás naves ou afondar na seguridade viaria do parque empresarial. Neste sentido, a edil de Tráfico e mobilidade, Beatriz Martínez, solicitou a colaboración dos empresarios para coñecer a problemática da zona. En resposta, estes piden equilibrar a practicidade coa seguridade. Logo de finalizar o estudo haberá unha nova xuntanza de posta en común.

Humanización da N-550
Aproveitando a ocasión, o alcalde trasladou á Asociación a actuación que vai realizar o Ministerio de Fomento na rotonda de entrada ao Milladoiro. O plan do Goberno central pasa por un acceso directo de entrada e saída do parque empresarial, sen pasar pola glorieta, co obxectivo de axilizar o tráfico. Isto supón modificar o proxecto inicial que presentara o Concello co beneplácito dos empresarios.

Por este motivo, Javier Santos, presidente da Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro, insiste en retomar a proposta inicial cunha rotonda de dobre altura. Asegura o empresario que “esta rotonda serviría tanto para aliviar o tráfico de entrada coma o de saída ao polígono e ao mesmo tempo o do interior do Milladoiro”. Unha solución “máis laboriosa pero tamén a longo prazo”, engadiu. Blas García trasladará esta petición ao Goberno e ao seu delegado en Galicia, o ex alcalde José Miñones.