Chega a I Xornada de Medicina do Deporte

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle o vindeiro sábado, 13 de maio, a I Xornada de Medicina do Deporte.

772
xornada-medicina-deporte

Dietética, lesións, prevención e primeiros auxilios serán os eixos fundamentais sobre os que xire esta xornada

O club amesán Abuelo Box é o encargado de organizar a I Xoranda de Medicina do Deporte, que se desenvolverá desde as 10:00 ata as 14:00 horas, e que conta coa colaboración do Concello de Ames, a Deputación de A Coruña e a Federación Galega de Boxeo. Dietética, lesións, prevención e primeiros auxilios serán os eixos fundamentais sobre os que xire esta xornada, composta de catro charlas que impartirán tres poñentes de recoñecido prestixio no ámbito deportivo. A xornada está especialmente dirixida a deportistas, adestradores e profesionais da medicina, se ben poden participar da mesma todos aqueles veciños e veciñas interesados no tema. A entrada é libre e gratuíta.

A xornada abrirase ás 10:00 horas co relatorio Conceptos Básicos de Dietética, a cargo do doutor Javier Pombo Prieto, especialista en traumatoloxía, médico da Federación Galega de Boxeo, da selección española de hockey sobre patíns e de diversos clubs de distintas modalidades deportivas. Ás 11:00 horas continuarán as charlas co doutor Enrique Antelo Yebra, que falará das Lesións no deporte. Antelo Yebra é tamén especialista en traumatoloxía, médico da Federación de Boxeo durante máis de catro décadas e colaborador con diversos clubs deportivos, como o RC Deportivo da Coruña.

A función do exercicio terapéutico na prevención das lesións deportivas será a seguinte charla, prevista para as 12:00 horas, a cargo do doutor Javier Ayaso Maneiro, licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, diplomado en Fisioterapia, cun Máster Universitario en Investigación, Actividade Física, Deporte e Saúde e un posgrao en prescrición do exercicio terapéutico. Pechará as xornadas o doutor Javier Pombo, quen desta volta falará dos Primeiros Auxilios.