Comeza un novo curso escolar en Ames

Hai preto de 4.000 rapaces e rapazas escolarizados en Ames no curso 2017-2018

Un total de 2.453 nenos e nenas do concello de Ames deron comezo esta mañá a un novo curso escolar. Os colexios do concello, a escola de educación infantil do Milladoiro e as escolas unitarias abriron as súas portas con total normalidade. Ademais, o venres 15 comezará o curso no IES Plurilingüe de Ames, en Bertamiráns, e no IES do Milladoiro, nos que hai 1.300 alumnos matriculados. Deste xeito, hai preto de 4.000 rapaces e rapazas escolarizados en Ames no curso 2017-2018.

O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e persoal técnico do departamento de Educación, estiveron esta mañá na escola infantil do Milladoiro, situada na Travesía do Porto, coincidindo co inicio do curso escolar, para ver os traballos de mellora que se executaron durante o verán para mellorar as instalacións deste centro. Alí puideron conversar coa directora da escola e co persoal docente. O Concello de Ames investiu 7.671,41 euros en diversos traballos de mellora e acondicionamento. O goberno municipal tamén visitou o comedor deste centro, para conversar co persoal de cociña e cos monitores deste servizo que comeza a funcionar hoxe.

Deste xeito, realizáronse diversas actuacións de mellora do parque infantil da EEI Milladoiro como foron o pintado de varios xogos no chan do devandito parque exterior. Outras traballos executados foron a reparación de humidades na cuberta do edificio, a colocación de pranchas no teito das aulas, a reparación das saídas de emerxencia, a reparación do chan dos baños, o pintado da sala de usos múltiples, a colocación dunha varanda, o acondicionamento da zona axardinada, e maila construción dunha rampla de saída que conecta coa rúa Pardiñeiros.