O horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns será de 11:00 a 21:00 horas, de luns a domingo, mentres que na praia fluvial de Tapia o horario de apertura será de 15:00 a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 a 21:00 horas
Dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro, as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e a área recreativa de Tapia ofreceranlle á veciñanza amesá unha alternativa á costa galega. Este xoves comeza oficialmente o período estival en Ames xa que as piscinas descubertas municipais e a praia fluvial de Tapia abrirán ao público por primeira vez este ano. O horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns será de 11:00 a 21:00 horas, de luns a domingo, mentres que na praia fluvial de Tapia o horario de apertura será de 15:00 a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 a 21:00 horas. Durante estes horarios haberá servizo de vixilancia e socorrismo. Antes da apertura o goberno municipal realizou obras de mellora nestas instalacións.
As piscinas descubertas de Bertamiráns e O Milladoiro e a área recreativa de Tapia, que se atopa ás beiras do río Tambre, convértense durante os meses de verán en lugares moi concorridos por todos os veciños e veciñas de Ames. A apertura destas instalacións chega nun momento moi propicio xa a predición meteorolóxica indica que cara a fin de semana e a próxima semana vanse superar os 30 grados. Estas instalacións preséntanse como grandes alternativas aos areais da costa galega.
O servizo de vixilancia e socorrismo comezará a prestarse o día 15 de xuño e estará activo ata o 15 de setembro, incluídos os domingos e os festivos. O horario será ininterrompido, pero haberá diferencias entre Tapia e as piscinas. Así, na praia fluvial de Tapia haberá catro socorristas, mentres que nas piscinas municipais descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns haberá dous socorristas en cada unha das piscinas.