Comeza a tempada infantil de teatro

649

A representación de “Outono” enmárcase dentro da programación de teatro infantil do Concello de Ames para este último trimestre de 2017

A programación da tempada de teatro infantil do Concello de Ames comeza coa representación do espectáculo “Outono”, da compañía PistaCatro. A obra, que é un espectáculo de teatro-circo con música en directo, relátanos a viaxe nostálxica de catro artistas ao seu pasado, celebrando a amizade e os fracasos, ofrecendo unha ollada poética ao antigo oficio dos pallasos.

Con motivo do seu décimo aniversario, a compañía de teatro Pistacatro, de Novo Circo Galego, presenta a súa obra máis arriscada: “Outono”. Un espectáculo que é en si mesmo unha homenaxe aos pallasos clásicos. Contada a través dunha compañía de clowns en plena crise, está dirixida por Antón Coucheiro e conta coa participación como intérpretes de Aitor Garuz, Manu Lago, Natalia Outeiro “Pajarito” e Pablo Reboleiro.

A representación de “Outono” enmárcase dentro da programación de teatro infantil do Concello de Ames para este último trimestre de 2017. A obra, que está pensada para toda a familia, será representada o vindeiro 6 de outubro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Milladoiro.