Comezan as obras da senda peonil entre a Condomiña e Agro do Muíño

As obras para a execución da senda peonil que une Condomiña e Agro do Muíño xa están en marcha. Espérase que a obra teña unha duración de seis meses.

692

Desde hoxe e ata o remate das obras, dous semáforos provisionais regularán o tráfico nesta zona

As obras para a execución da senda peonil que une a Condomiña con Agro do Muíño xa están en marcha. O proxecto, que se vai executar na estrada provincial DP 0205 (entre os puntos quilométricos 0,780 e 1,830), que será financiada integramente pola Deputación de A Coruña e que ten un custe superior aos 300 mil euros.

A estrada que une a Condomiña e Agro do Muíño está a sufrir alteracións no día de hoxe, por mor das obras de execución da senda peonil que une os dous lugares. Así, desde hoxe e ata o remate das obras, dous semáforos provisionais regularán o tráfico nesta zona. Un deles está colocado á saída da curva da ponte da Condomiña, mentres que outro está situado a uns 100 metros de distancia do primeiro, aproximadamente.

O obxectivo fundamental das obras é mellorar a seguridade dun tramo polo que transitan moitas persoas, fomentando a redución do uso do coche e, polo tanto, tamén das emisións de CO2. Ademais, coa execución desta nova senda peonil, moitas nais e pais terán máis facilidades para achegar, a pé, ás nenas e nenos que van ao CEIP Agro do Muíño.

Blas García amosou a súa satisfacción polo comezo destas obras e pediulle comprensión aos e ás condutores que habitualmente usan esta estrada

O concelleiro de Obras e Urbanismo, Blas García, amosou a súa satisfacción polo comezo destas obras e pediulle comprensión aos e ás condutores que habitualmente usan esta estrada, xa que “durante uns meses haberá algunhas retencións de tráfico pero son por unha boa causa porque cando esta senda estea rematada melloraranse as comunicacións a pé entre a zona das Cortes e Agro do Muíño con Bertamiráns”. Ademais, salienta que “con esta nova senda farase un circuíto para pasear ou correr que enlazará a pista da EDAR de Sisalde con este novo treito”.

A futura senda disporá de 1,80 metros de ancho por 1,110 metros de lonxitude (990 metros pola marxe esquerda e 120 metros pola dereita). Para a súa construción está a ser empregado unha base de zahorra e pavimento de formigón. O proxecto tamén inclúe a canalización de pluviais e iluminación, así como a construción de seis muros de contención de bloque de granito. Asemade, tamén se procederá á colocación de nova sinalización horizontal. Está previsto que a duración das obras sexa de seis meses.