Comezan as xestións para a construcción dun novo colexio no Milladoiro

Nesta primeira xuntanza acordouse iniciar as xestións necesarias para solicitar a construción dun novo colexio de infantil e primaria no Milladoiro.

672

O pleno destacou especialmente a necesidade de dotar ao núcleo urbano do Milladoiro dun novo colexio de infantil e primaria

O xoves 11 de maio fíxose efectiva a constitución do Consello Escolar Municipal de Ames, despois da aprobación do Regulamento do Consello Escolar Municipal de Ames, en xullo de 2016. Nesta primeira sesión quedou conformado o Pleno que será o órgano de consulta e participación dos sectores afectados na programación do ensino non universitario e na planificación dos centros escolares no ámbito municipal de Ames.

O Pleno estivo presidido polo concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e nomeouse como secretario a un funcionario municipal. Como vogais forman parte do Pleno un total de 31 persoas: 6 profesores do ensino público e 4 do colexio ALCA, 6 nais e pais de alumnos/as (ANPAS), 4 alumnos/as de ensino secundario, 10 directores e directoras dos centros escolares de Ames e 1 funcionaria do corpo de inspección educativa da Xunta de Galicia. Tamén participaron no Pleno, con voz pero sen voto, outros membros da comunidade educativa (ANPAS, profesorado) e dos grupos municipais da corporación.

Os primeiros acordos, aprobados por unanimidade dos membros do Pleno, consistiron en trasladarlle á Xunta de Galicia dous escritos presentados polas ANPAS e mailo Concello de Ames sobre as necesidades educativas e o informe de diagnóstico demográfico, así como a posta a disposición e cesión de parcelas para a construción de novos equipamentos educativos.

O pleno destacou especialmente a necesidade de dotar ao núcleo urbano do Milladoiro dun novo colexio de infantil e primaria, para acoller a crecente solicitude de prazas neste núcleo derivado do incremento de poboación.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil destacou o “feito histórico desta primeira xuntanza do Consello Escolar Municipal, que é o máximo órgano consultivo e de participación entre os Consellos Escolares, no que están representados todas as partes da comunidade educativa”.