Comezan os traballos para o parque verde central do Milladoiro

507

A semana pasada arrincaron as obras de acondicionamento das zonas verdes do Milladoiro, xunto á zona das instalacións deportivas, Casa da Cultura e instituto. O proxecto,  adxudicado á empresa CYS HISPANIA SL por un importe de 130.706 euros, forma parte do desenvolvemento do Plan Impulsa Ames.

A obra está confinanciada pola UE nun 80% dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014/2020. A través deste proxecto acondicionaranse as zonas verdes da área. O obxectivo é gañar unha zona de esparexemento e paseo na parte alta do núcleo urbano con zonas de descanso, camiños e areas de xogo. A actuación abarca 12.000 metros cadrados de extensión.

Grazas a esta obra crearanse medio quilómetros de novas sendas peonís, acondicionaranse os accesos ao parque segundo a normativa de accesibilidade, instalarase un novo sistema de alumeado LED con 23 novas luminarias, e instalaranse dúas mesas de tenis de mesa e novo mobiliario urbano. Tamén se plantarán ducias de carballos e nove abeleiras, así como 9.500 metros cadrados de plantas rubideiras.

Ademais, acondicionarase e ordenarase o espazo verde da zona alta do Milladoiro que está conectado, a través dunhas escaleiras e unha rampla accesible, coa Travesía do Porto.

Senda peonil ata a zona baixa do Milladoiro
Nos plans do Concello entra potenciar este novo parque verde central do Milladoiro como o espazo cara a onde debe medrar de forma natural a localidade. Nunha segunda fase investiranse arredor de 90.000 euros de fondos europeos FEDER para unir a través dun senda peonil, o novo parque verde central coas zonas verdes situadas na parte baixa do Milladoiro, na contorna das rúas do Rego e da Costa Grande.