Comezaron as obras de pavimentación de viarios dos núcleos de Eirapedriña e Mourigade por valor de 325.000 euros

52

Comezaron as obras de pavimentación da estrada do núcleo de Eirapedriña, pertencente á parroquia de Bugallido. Estas obras foron adxudicadas á empresa Excavaciones Pose SL por un importe total de 157.300 euros (IVE incluído). O proxecto, incluído dentro do programa POS+ 2021 da Deputación da Coruña, engloba melloras en ata 1,7 quilómetros de capa de rodaxe, a ampliación da anchura do firme e a construción dunha senda peonil de 280 metros nun dos tramos.

Cómpre lembrar que houbo que tramitar dous expedientes de licitación de dito proxecto, debido ao incumprimento da primeira empresa adxudicataria. Unha vez adxudicado o contrato a empresa non executou as obras. Debido a dito incumprimento da empresa contratista, a Xunta de Goberno, o pasado 26 de outubro, aprobou resolver dito contrato asinado o 20 de decembro de 2022, por causa imputable á empresa Vías e Servicios Compostela SL. Ademais, debido a dita resolución de contrato, a Xunta de Goberno Local aprobou iniciar un expediente para a declaración de prohibición a dita empresa, pola resolución culpable do contrato.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, achegouse esta mañá ata Eirapedriña para ver o inicio de ditas obras. Nieto explica que “fai un ano reunímonos cos veciños e veciñas de Eirapedriña e prometemos que esta obra se iniciaría no prazo dun ano. Neste prazo vímonos obrigados a rescindir o contrato a anterior adxudicataria, enviar o expediente ao Consello Consultivo e afrontar un segundo proceso de licitación e adxudicación”. 

Ademais, proximamente vaise executar o proxecto de pavimentación de viarios no núcleo de Mourigade, tamén pertencente á parroquia de Bugallido, por un importe de 167.635,28 euros. Dito proxecto, que está incluído no POS+ 2023, foi adxudicado á empresa Excavaciones y Obras Marcos SL.