As comisións informativas abordan as alegacións do orzamento municipal

En ditas comisións informativas abordáronse as catro alegacións presentadas á aprobación inicial do orzamento municipal.

500
casadoconcello

A aprobación inicial do orzamento de 2017 recibiu catro alegacións

Este martes, 23 de maio, realizáronse as comisións informativas previas ao pleno ordinario de maio que se celebrará o vindeiro luns 29 de maio. En ditas comisións informativas abordáronse as catro alegacións presentadas á aprobación inicial do orzamento municipal; o cambio de uso da antiga escola unitaria de Firmistáns; a declaración de especial interese ou utilidade municipal das obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro para que así poida terse unha bonificación do 95% do ICIO; a aprobación do plan estratéxico de subvencións municipais de 2017, 2018 e 2019; a ratificación dun decreto no que se emenda un erro dun proxecto incluído no POS+ 2017; e mailos recursos de reposición e alegacións presentadas sobre o Ciclo integral da auga.

A aprobación inicial do orzamento de 2017 recibiu catro alegacións (unha foi presentada polo grupo municipal do partido popular e as outras tres por Manuel Ferreiro Santiago, Ramón García Argibay e María González Gómez). Se ben Manuel Ferreiro é persoal eventual e Ramón García e María González son concelleiros/as da actual corporación municipal, as súas alegacións foron presentadas na súa condición de persoas físicas. As alegacións presentadas polo grupo municipal popular fan referencia aos recursos e cuestións de inconstitucionalidade sobre a regulación estatal do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana.

O PP de Ames considera arriscado presentar un escenario presupostario na que a cifra provisional de dereitos recoñecidos netos se incremente nun 6% respecto ao exercicio 2016

En segundo lugar, o PP de Ames considera arriscado presentar un escenario presupostario na que a cifra provisional de dereitos recoñecidos netos se incremente nun 6% respecto ao exercicio 2016, xa que ao seu entender, o goberno municipal no está sendo efectivo na súa política de recadación municipal, deixando de recadar dereitos recoñecidos; e perda de ingresos non reflectida no orzamento de 2017. En terceiro lugar, o grupo municipal popular considera nas súas alegacións que no orzamento de 2017 recóllese no subconcepto de gastos, relativo a Radio Municipal, importes superiores aos da memoria económico financeira que acompañaba a ordenanza reguladora do prezo público da Radio Municipal; e por outra banda, no orzamento de ingresos non se atopa recollido o subconcepto do prezo público citado.

En cuarto lugar, e respecto á liñas de actuación previstas para 2017 no DUSI, segundo alega o PP de Ames, a achega municipal para 2017 non se atopa orzamentada, para as tres liñas de actuación previstas no exercicio, e por outro lado os fondos procedentes do FEDER para o seu financiamento non tiveron o seu reflexo no orzamento de ingresos. Por último, figuran alegacións que se refiren a actuacións concretas sobre a Renda Social Municipal e os Orzamentos Participativos, previstas e dotadas no orzamento de 20017, que segundo o grupo popular non se van a executar tal e como pretende o goberno local. Os informes técnicos indican que ditas alegacións deben ser inadmitidas.

No pleno ordinario deste mes tamén se debaterá a aprobación, da declaración das obras de construción do novo centro de saúde como de “especial interese”

Por outra banda, as alegacións presentadas por Manuel Ferreiro Santiago, Ramón García Argibay e María González Gómez coinciden en solicitar que se inclúa no orzamento de 2017 a paga extra de decembro de 2012, á cal renunciaron sendo concelleiros/as do anterior goberno municipal, á través de achegas nominativas a entidades concretas.

No pleno ordinario deste mes tamén se debaterá a aprobación, se procede, da declaración das obras de construción do novo centro de saúde como de “especial interese” para que así poida terse unha bonificación do 95% do ICIO. Posteriormente, dende o SERGAS deberán aboar as taxas correspondentes ao ICIO e á licenza de obra. Outros asuntos que se abordarán serán o cambio de uso de docente a social da antiga escola unitaria de Firmistáns; a aprobación do plan estratéxico de subvencións municipais de 2017, 2018 e 2019 que conteña os obxectivos e os efectos que se pretenden coa aplicación, o prazo necesario para a súa consecución, os custes previsibles, e as súa fontes de financiamento.

Por último, tratouse a ratificación dun decreto no que se emenda un erro detectado no proxecto de pavimentación de viarios no núcleo de Caroubáns, pertencente á parroquia de Covas, que foi incluído no POS+ 2017; e mailos recursos de reposición e alegacións presentadas aos acordos plenarios do 29 de decembro de 2016 e 14 e febreiro de 2017 de adxudicación da xestión do servizo público do Ciclo integral da auga e de suspensión do inicio da prestación do servizo que resulta do contrato asinado coa adxudicataria o 27 de xaneiro de 2017 e de solicitude de informe a Idom Consulting Engineering Architecture SAU, respectivamente.