Completa programación cultural para o último cuarto do ano en Ames

0
69

A aposta do Concello de Ames pola cultura tradúcese nestes últimos meses do ano nunha sucesión de espectáculos que inclúen toda unha diversidade de xéneros e que teñen en conta a todas as idades. “Seguimos apostando por unha programación cultural de calidade con espectáculos de teatro para todos os públicos; mantemos os xa consolidados Festivais de Maxia e Cinema Miúdo e facemos unha aposta decidida polo cine documental coa proxección de tres películas que amosan historias acontecidas no noso país no último século”, manifesta a concelleira de Cultura Natividade González.

Teatro para toda a familia
“Semente, o home que plantaba árbores” de Eme2 emoción&arte será o espectáculo co que se inaugurará a programación este venres, 17 de setembro, ás 18:00 horas na Casa de Cultura de Bertamiráns. Trátase dunha historia para público familiar na que se reflexiona sobre a capacidade do ser humano para influír no entorno. O venres 24, á mesma hora, na Casa da Cultura do Milladoiro, Educateatro presentará “O camiño de Santiago”, un espectáculo musical que protagonizan dous irmáns que aprenden a xogar xuntos. Unha representación de “O libro da Selva”  de Rudiard Kipling completa a programación de teatro familiar do trimestre. A obra representarase na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 1 de outubor ás 18:00 horas.

Teatro para adultos
A programación de teatro para adultos inclúe este trimestre tres espectáculos. O primeiro deles terá lugar o venres, 1 de outubro, ás 20:30 na Casa de Cultura de Bertamiráns coa representación de “O Premio”, a cargo da compañía La Quintana, unha comedia aceda enmarcada nun reality en directo no que o premio é “morrer logrando a fama”. A compañía A Feroz, achegará a Ames o teatro contemporáneo con “Do pracer e da morte”, un fresco onde se reflexiona sobre a obediencia, o medo a extinción, a autoridade e outras actitudes e condutas do ser humano que traspasan séculos e xeracións; a obra representarase no aparcadoiro de Carrefour, o venres, 15 de outubro, en funcións de 18:00 e 21:30. A programación do trimestre de teatro para adultos/as, remata o venres, 19 de novembro na Casa de Cultura de Milladoiroi con “Bernarda”, de Malasombra Produccións, que se representará ás 20:30 e que que afronta, coma unha constante universal, o choque xeracional entre pais e fillos.

Maxía e Cine para a infancia
Un ano máis, a programación cultural do último trimestre inclúe o FESTIMAX que este ano acada a súa XVI edición e que se desenvolverá os días 22, 23 e 24 de outubro e que inclúe a Gala Máxica Infantil, Maxia de Preto, Gala Máxica “O percorrido máxico” e a Gala “Viaxe pola ilusión”. O Festival desenvolverase nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro e propón actividades para público familiar a partir de 3 anos e o Festival Internacional de Maxia de Ames para público adulto.

Por outra banda volve “Cinema Miúdo”, o festival de cine infantil e familiar que promove a afección á sétima arte entre os/as máis pequenos/as. Desenvolverase nas Casas de Cultura de Bertamiráns e de Milladoiro os días 12, 13 e 14 de novembro e incluirá sesións paralelas de música e obradoiros.

Documentais galegos
A aposta polo produto cultural que achega a historia de Galicia está presente na programación a través de tres documentais que por máis teñen firma feminina. “Negro Púrpura”, de Sabela Iglesias e Adriana P,  Retrata a Galicia como un dos maiores produtores de claviceps purpúrea, un fungo alucinóxeno que brota nos cereais e que se emprega na industria farmaceútica; proxectarase o mércores, 10 de novembro, ás 20:30, na Casa da Cultura de Bertamiráns. “Nación”, de Margarita Ledo, que se proxectará o mércores, 17 de novembro, ás 18:30 en Bertamiráns, conta a historia das traballadoras da fábrica de louza “Pontesa”. Por último, Aurora Marco e Pablo Ces firman “As silenciadas”, un documental histórico que recupera historias de mulleres que desde a clandestinidade apoiaron o movemento guerrilleiro; proxectarase o mércores, 24 de novembro, na Casa de Cultura de Bertamiráns.  

As entradas para acudir aos eventos que compoñen a programación cultural do último trimestre do 2021, estarán dispoñibles proximamente na billeteira municipal.

DEJA UNA RESPUESTA

Please enter your comment!
Please enter your name here