O Concello contrata unha empresa para a realización de acondicionamento dos parques infantís

O Concello de Ames vén de contratar a unha empresa para que realice o mantemento e acondicionamento dos parques infantís municipais de cara á época estival que é cando contan con maior número de usuarios/as.

409

Este medio xa informaba do estado de abandono dalgúns dos parques que hai no concello

O Concello de Ames vén de contratar a unha empresa para que realice o mantemento e acondicionamento dos parques infantís municipais de cara á época estival que é cando contan con maior número de usuarios e usuarias. Asemade, o goberno municipal está traballando na elaboración duns pregos para sacar a concurso un contrato de mantementos dos parques infantís municipais e dos parques biosaudables existentes e daqueles que se están construíndo.

Este medio xa informaba do estado de abandono dalgúns dos parques que hai no concello. No noso número de ABRIL 2017, recollimos fotos do parque de Cruxeiras no que amosaba un estado de deterioro total con vallas polo chan ou elementos perigosos a vista dos rapaces e rapazas.

Na actualidade, existen un total de 36 parques infantís (20 de area e 16 de caucho) que están situados no Milladoiro, Bertamiráns e nas parroquias da zona rural. Para solucionar as diversas deficiencias detectadas nestas instalacións municipais e poñelas a punto de cara á época estival, o Concello de Ames acaba de contratar a unha empresa para realizar traballos de mantemento e acondicionamento desta áreas de xogo e lecer. Os traballos consistirán na adaptación dos elementos existentes en ditos parques á normativa europea, a reparación das deficiencias detectadas, e o mantemento do solo de area dos parques.

Os traballos consistirán na adaptación dos elementos existentes en ditos parques á normativa europea

Por outra banda, en canto se aprobe de xeito definitivo o orzamento municipal deste exercicio 2017, o goberno municipal poderá contratar a reparación e mantemento de catro parques infantís do rural que están situados en Cruxeiras, Trasmonte, Covas e Guimaráns.

Por último, dende a Concellaría de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, adiantan que se está elaborando un proxecto, conxuntamente coa Concellería de Mocidade, para construír un parque na zona de Lapido dirixido aos adolescentes. Nestes intres estase redactando o devandito proxecto e será presentando nos vindeiros días. Trátase dunha nova iniciativa que quere levar a cabo o goberno municipal durante este ano 2017 para a mocidade amesá.