Concello e Xunta tratan asuntos comúns nunha reunión entre Blas García e Alfonso Rueda

0
80
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, reúnese co alcalde de Ames, Blas García Piñeiro.

O alcalde de Ames, Blas García, e o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, mantiveron este mércores unha xuntanza na que abordaron asuntos pendentes do municipio, como a situación do parque comarcal de bombeiros ou a posible ampliación da Casa do Concello.

Tamén se trataron na xuntanza a construción dunha pista de atletismo en Ventín, a colaboración da Xunta para dotar dun novo vehículo híbrido á Policía Local de Ames, a concesión dunha axuda para a contratación dunha brigada de limpeza do medio natural e a mellora en varios puntos do entorno dos Camiños de Santiago que pasan por Ames.

Blas García agradece este recibimento por parte do vicepresidente e destacou “estou convencido que acadaremos importantes avances en varias das necesidades plantexadas nesta reunión co obxectivo de que o concello amesán avance e mellore”.

Parque de bombeiros
Un dos asuntos que lle expuxo o alcalde foi a necesidade de desbloquear a creación dun parque comarcal de bombeiros que dea servizo a toda a comarca. Blas García destaca que “hai boa vontade tanto por parte dos Concellos da comarca como por parte do vicepresidente primeiro para desbloquear este asunto, polo que agardamos poder avanzar neste tema”. Neste senso, o obxectivo é manter unha xuntanza o antes posible coa Dirección Xeral de Emerxencias para abordar este asunto.   

Por outra banda, solicitouse a colaboración da Xunta de Galicia para outros asuntos. Solicitouse un novo vehículo híbrido para o parque móbil da Policía Local de Ames. Neste senso, o vicepresidente avanzou que vai analizar a posibilidade de poder dotar ao longo deste ano cun novo vehículo ao corpo de seguridade amesán a través dun convenio ou doutra fórmula.

Tamén se solicitou a colaboración para poder ampliar a Casa consistorial co obxectivo de dispor de máis espazo para dotar a este edificio de novas oficinas. Dende o Goberno municipal están traballando para presentarlle un anteproxecto á Xunta de Galicia. Blas García abordou con Alfonso Rueda posibles vías de financiamento para poder executar dito proxecto de ampliación da Casa do Concello.

Construción dunha pista de atletismo
No eido deportivo, solicitouse o apoio da Xunta de Galicia para construír unha pista de atletismo por módulos no antigo campo de fútbol de Ventín. Na actualidade, neste lugar existe unha gaiola de lanzamentos. O obxectivo é construír neste lugar unha pista de atletismo por fases. Na seguinte fase instalaríase unha pista de saltos. Para iso solicitouse o apoio económico da Xunta. Ames é un concello cun gran número de persoas mozas que practican deporte. Ademais, no concello hai varios clubs de atletismo, polo que a construción desta instalación deportiva favorecería a practica do atletismo e dos adestramentos de ditos clubs.

Brigada de limpeza do medio natural
Outro dos asuntos tratados foi a concesión dunha axuda, que vén de solicitar o Concello de Ames a través da Concellaría de Transición Ecolóxica e de Medio Ambiente, para contratar unha brigada formada por tres persoas para a limpeza do medio natural (pistas forestais e entorno fluvial). Esta axuda enmárcase no Fondo de compensación ambiental e está en fase de tramitación da posible concesión.

Mellora de varios tramos dos Camiños de Santiago
Por último, tratouse o proxecto que recolle a posible mellora no entorno dos Camiños de Santiago que pasan por Ames. O obxectivo é executar melloras de carácter paisaxístico e de seguridade en varios puntos do Milladoiro, Ventosa e Augapesada.

DEJA UNA RESPUESTA

Please enter your comment!
Please enter your name here