O concello organiza unha xornada informativa sobre autoemprego na muller

762

A xornada orientará ás mulleres asistentes sobre como realizar unha busca de emprego de maneira produtiva

A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade organiza, a través do Centro de Información á Muller (CIM), e en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica, a xornada informativa “Muller, decide o teu futuro laboral”. Dirixida a todas as mulleres do Concello de Ames na procura de emprego ou cunha idea para emprender, a xornada terá lugar o vindeiro 10 de outubro, de 10:00h a 13:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, e o día 11, no mesmo horario, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.

A xornada orientará ás mulleres asistentes sobre como realizar unha busca de emprego de maneira produtiva. Nela daranse consellos para realizar un curriculum máis eficaz, no que se describan, alén de estudos e experiencias, competencias e habilidades. Do mesmo xeito, tamén se ofrecerá información dos recursos existentes para a procura de emprego, a través dos servizos da Oficina de Emprego, do Concello de Ames e dos servizos de orientación laboral; a xornada aproveitarase, asemade, para coñecer a dispoñibilidade das asistentes á hora de realizar unha formación relacionada coa mellora da empregabilidade e do autoemprego.

O obxectivo desta xornada é, en palabras da concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo: “informar a todas as mulleres interesadas, acerca de alternativas e mesmo técnicas, mellorando así a súa empregabilidade e fomentando, ao mesmo tempo, o emprendemento”. O día 10 de outubro, a xornada “Muller, decide o teu futuro laboral” decorrerá no Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de 10:00h a 13:00h. En Bertamiráns, a xornada terá lugar no Pazo da Peregrina, no mesmo horario, o día 11. As charlas serán impartidas por especialistas na materia.