O alumnado do CEIP de Ventín familiarizouse coa realidade da diabetes

0
375

O Concello de Ames integrou na súa programación para  celebrar o Día Mundial da Diabetes, conmemorado o pasado 14 de novembro, un contacontos infantil. Raquel Queizás, integrante da Asociación ANEDIA, impartiu no CEIP de Ventín o espectáculo “Un caso azul”, un conto para informar aos alumnos sobre esta enfermidade e eliminar prexuízos.

Raquel Queizás, nai dunha nena de 10 anos con diabetes, colabora coa Asociación de Nenos e Nenas con Diabetes en Galicia (ANEDIA) do xeito que mellor sabe, narrando historias. A actriz puxo en escena o contacontos  “Un caso azul” para os alumnos e alumnas de 4º e 5º de primaria  do CEIP Ventín o xoves 26. Ás 12.00 horas, a sesión volveuse a repetir de xeito virtual para que o resto de alumnado puidese gozar desta actividade por estrampina.

Neste conto, onde a protagonista e unha detective, vaise descubrindo como o caso xira ao redor dunha persoa con diabetes. Os rapaces e rapazas, a través da técnica do teatro foro, pasaron de ser espectadores a transformarse en “espectadores” para conseguir simpatizar e propor solucións a conflitos que a veces xera  o descoñecemento.

O obxectivo deste espectáculo é explicar aos nenos e nenas maiores de 7 anos, de forma sinxela,  en que consiste a diabetes e familiarizalos cos síntomas máis comúns. 

A diabetes, unha realidade próxima
O CEIP Ventín ten dúas alumnas que padecen esta doenza e, por este motivo, o corpo educativo conta con dúas educadoras, Bea e Ila, que se encarga de facilitarlles o día a día. As familias das rapazas, quixeron destacar a súa labor xa que, segundo afirma Queizán, poucos centros educativos teñen este tipo de profesionais.

Raquel Queizás comezou con esta iniciativa tras coñecer o caso dunha das nenas da asociación, que sufría rexeitamento por parte dos compañeiros e dos profesores. “A falta de información fai que a xente sexa moi cruel”, asegura a actriz.

Os alumnos e alumnas do Ventín acolleron, curiosos, o espectáculo “Un caso azul”. “Parécelles impresionante como poden axudar e saber o que hai que facer cando alguén ten o azucre baixo”.

DEJA UNA RESPUESTA

Please enter your comment!
Please enter your name here