Convocado o IX Certame de Fotografía Comercial Novo Milladoiro

155

A Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro vén de convocar unha nova edición do seu certame fotográfico, para o que se poderán enviar traballos ata o 9 de decembro. Dende a Asociación de Empresarios Novo Milladoiro destacan o éxito que tivo a iniciativa durante as pasadas edicións e o aumento gradual da calidade das imaxes participantes dende os inicios do proxecto. Ademais, indicaron que de cara a vindeira edición na que o certame cumpre dez anos están pensando en darlle un impulso con varias novidades.

O seu presidente, Javier Santos, animaaos participantes a que “realicen fotografías nas que se reflicta o equipo humano das empresas. O que realmente sostén a este parque empresarial son as persoas que traballan nas súas empresas, por iso nos últimos anos estanse valorando moito aquelas fotografías que mostran persoas realizando algún tipo de traballo ou prestando un servizo. Os participantes teñen que pedir permiso ás empresas para acceder as súas instalacións, pero se o fan, van ter as portas abertas para fotografía aquelo que máis lles guste ou lles chame a atención”.

Haberá unha categoría absoluta e outra xuvenil e infantil, e permitirase o envío dunha imaxe por participante, coa que se deben enviar o título da obra e os datos persoais do autor. Os gañadores daranse a coñecer nunha gala que se celebrará o día 21 de decembro na Casa da Cultura do Milladoiro. O Concello colabora co certame, que acada xa a súa novena edición.