Constituído o Consello de Administración da Empresa Pública Auga de Ames

51

O Concello de Ames constituíu o Consello de Administración da Empresa Pública da Auga de Ames. Deste xeito, dáse un novo paso para a posta en marcha deste novo servizo municipal que está previsto para comezos do mes de abril. Previamente, no pleno ordinario do pasado mes de maio de 2023 aprobouse a constitución da entidade pública empresarial Augas de Ames EPEL, que xestionará de xeito directo o servizo do ciclo integral da auga. No pleno ordinario de xullo do pasado ano tamén foi aprobado o regulamento de xestión do Ciclo Integral da Auga.

O Consello de Administración da entidade pública empresarial Augas de Ames renovarase cada mandato. Na actualidade está formada por catro edís do grupo municipal do PSdeG-PSOE (Blas García, Susana Señorís, Víctor Fernández e Gustavo Nieto), tres concelleiros/as do grupo municipal do Partido Popular (Oliva Agra, Pablo Beiroa e José Ramón Oulego), dous/dúas edís do grupo municipal BNG (Natividade González e Alexandre Espinosa), e unha concelleira do grupo municipal de Espazo Común (Luísa Feijóo). Ademais, no Consello de Administración hai un/unha representante das asociacións veciñais, escollido por parte das asociacións (Lino Berdullas, da Asociación Veciñal de Tapia); e un/unha representante da propia empresa pública, que será designado no momento no que dita empresa comece a funcionar.

Dita empresa pública estará formada por 16 traballadores/as, que serán subrogados da actual concesionaria Espina y Delfín. Na actualidade estase realizando o proceso de traspaso de infraestruturas, persoal e competencias da actual concesionaria do servizo á empresa pública.