Continúan as actividades do 25N cun videofórum sobre o aborto en El Salvador

215

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá a proxección de “En Deuda con Todas”, un documental estreado no ano 2019 pola organización sen ánimo de lucro AGARESO, a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios, que ten coma obxectivo a “comunicación para o cambio social”. Trata en detalle as repercusións da penalización do aborto en El Salvador. O evento inclúe unha exposición inicial da actualidade do país centroamericano, o visionado do filme e un debate posterior, e terá lugar este venres 3 de decembro ás 20:00. Esta actividade, promovida pola Concellaría de Benestar Social e Igualdade, chega despois da recepción institucional á activista salvadoreña Morena Herrera no mes de outubro, na que pediu ao Concello de Ames que informara á sociedade de situacións como a do seu país, no que o aborto é fortemente penado.

“En Deuda con Todas” trata as reivindicacións das mulleres e dos colectivos feministas no país salvadoreño contra a penalización do aborto, ademais de recoller testemuñas de protagonistas que pasaron polo cárcere ou que cumpren penas por este motivo. O seu obxectivo é pois chamar a atención sobre a vulneración dos dereitos das mulleres salvadoreñas e contribuír á loita dos colectivos feministas, que esixen o acceso a unha saúde sexual e reprodutiva libre de prexuízos e unha lexislación que respecte os seus dereitos, en especial os das nenas e adolescentes. O aborto está prohibido por lei en El Salvador dende o ano 1998, independentemente de se é provocado ou por causas naturais. O forte castigo a estes casos, ás veces penados con 30 ou 40 anos de cárcere, provoca un gran número de suicidios de mulleres embarazadas, en especial adolescentes.  Na recepción institucional do Concello de Ames a Morena Herrera, a activista salvadoreña describía a desesperación das adolescentes embarazadas no seu país ante a falta de oportunidades: “As mozas non se matan con armas brancas ou con armas de fogo: envelénanse. Nas cidades envelénanse con matarratas; ás do rural con medicamentos para os feixóns”.

A sesión comezará cunha presentación do filme e unha exposición da actualidade dos Dereitos Humanos das mulleres en El Salvador, coa presenza datécnica de proxectos e comunicación en AGARESO e xornalista Sonia Diaz. A continuación, procederase á proxección do documental, que dará paso a un debate posterior na que as persoas asistentes poderán participar, aportando comentarios, preguntas ou reflexións.