Convenio coa Deputación para a creación de comunidades enerxéticas na provincia

47

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ames, Blas García, asinaron hoxe un convenio entre ambas administracións para o cofinanciamento das actividades da Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) do Concello de Ames. O acordo recolle unha achega provincial de ata 25.200 euros, o que representa un 17,3 % do gasto que a OTC destinará a ese fin (145.200 euros).

A OTC de Ames terá como principal cometido o asesoramento para fomentar a creación de comunidades enerxéticas. O seu obxectivo final é aumentar a produción de enerxía no entorno máis próximo, dun xeito sostible e coa participación dos propios consumidores. A intención é que se poidan beneficiar do proxecto tanto os concellos como a poboación, as empresas e as entidades privadas que participen nas comunidades enerxéticas que se poñan en marcha en Ames, pero tamén en municipios da contorna, como Brión, Negreira, Oroso, Val do Dubra, Teo, Boiro, A Baña, Padrón Muxía, Dodro, Rois, Vimianzo e Cee.

Co asesoramento aos proxectos, aproveitarase o abaratamento da subministración eléctrica que implica a implantación de enerxías renovables. O acompañamento ás comunidades servirá tamén para axilizar os trámites e acelerar a implantación de novas tecnoloxías de xeración. A OTC concretará ese acompañamento prestando apoio no deseño dos estudos de viabilidade, na busca de financiamento, na obtención de todos os permisos, nos procedementos administrativos e na xestión dos contratos para a conexión dos sistemas á rede.

As comunidades enerxéticas brindan unha oportunidade única para transformar o mercado enerxético, facéndoo máis resiliente e satisfacendo as necesidades da cidadanía, do tecido produtivo e da propia Administración, pero tamén fan posible avanzar cara a produción enerxética dun xeito máis participativo e contribúen á transición cara un modelo enerxético descarbonizado, máis sostible e respectuoso co medio ambiente.

Formoso sinalou a oficina amiense como unha gran oportunidade para aproveitar a nivel local o potencial enerxético de Galicia e como “unha aposta polo modelo de transición enerxética que apoia a Deputación”.

Blas García destacou o compromiso do Concello de Ames co aforro e coa eficiencia enerxética e explicou que esta OTC é un paso natural tendo en conta as políticas aplicadas ata o momento nesta materia. O rexedor tamén explicou que a “sinatura deste convenio é un paso máis de cara a posta en funcionamento da OTC do Concello de Ames, que se converterá desta forma nun referente no asesoramento de creación de comunidades enerxéticas”.