Convócase por primeira vez un Concurso de Decoración de Nadal Veciñal en Ames

105

A décimo sétima edición do Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Ames, organizado pola Concellaría de Promoción Económica, vai acompañada este ano pola primeira edición do Concurso de Decoración de Nadal Veciñal. Ambos os dous certames procuran implicar á veciñanza e ao comercio na decoración destas datas.

Poderá participarse con decoración de escaparates comerciais, de fachadas, balcóns, fiestras e xardíns de edificios e vivendas. O prazo para inscribirse xa está aberto e pecha o 5 de decembro. Haberá catro premios en cada concurso, repartíndose un total de 6.000 euros entre todos. No concurso de escaparates os premios serán de 1.500€, 1.100€, 800€ e 600€. No veciñal, repartiranse catro premios de 500 euros.

No Concurso de Escaparates valorarase o desexo ou atracción pola compra, a orixinalidade e a composición do escaparate. Tamén se terá en conta o emprego dos produtos propios do comercio ou tenda e a utilización de produtos reciclados. Os escaparates deberán estar expostos, como mínimo, do 10 de decembro ao 7 de xaneiro. Todos os concursantes terán que enviar unha foto do escaparate ao endrezo promocioneconomica@concellodeames.gal, antes do 18 de decembro de 2022.

No caso do concurso veciñal, preténdese incentivar a creatividade, dando un ambiente artístico e tradicional e transmitindo un espírito festivo. A decoración deberá estar exposta do 10 de decembro ao 6 de xaneiro. Só poderá presentarse ao concurso un único proxecto por vivenda. As decoracións e adornos teñen que ser típicos de Nadal.

A Casa do Concello acolleu hoxe a presentación dos concursos coa presenza do alcalde de Ames, Blas García, da concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, o concelleiro do Rural e Participación cidadá, Santiago Márquez, e mailo técnico do departamento de Promoción Económica, Jorge Couñago.