Cubrir as pistas polideportivas do Milladoiro custará 562.000 euros

59

As instalacións deportivas do Milladoiro van contar cunha nova mellora nos vindeiros meses, que se suma ao recente anuncio das obras nas piscinas municipais descubertas ao remate do verán. As pistas polideportivas da vila, situadas na travesía do Porto, pasarán a estar cubertas e protexidas da chuvia e do sol, grazas a unha obra aprobada en xullo na Xunta de Goberno Local. O proxecto conta cun orzamento inicial de 561.832,69 euros, a cargo do Plan Ames Progresa 2021-2023.

Na actualidade, as pistas polideportivas do Milladoiro están descubertas e delimitadas por un muro e vallas. O recinto, situado na zona da Casa da Cultura e das piscinas municipais, está formado por dúas superficies de 40×19 metros e unha zona de gradas intermedia, que suman preto de 2.300 metros cadrados.

O feito de contar cunhas pistas xa construídas fará que se opte por instalar a estrutura vertical das cubertas no perímetro exterior e nos extremos da zona das gradas que as separan, co fin de manter o pavimento actual. Nesta zona intermedia colocarase unha viga de sección triangular que permita a transparencia entre ambos espazos. Pola súa banda, no contorno das pistas escavarase e demoleranse certas partes do muro e dos pavimentos de acceso, co fin de preparar o terreo para un novo sistema de recollida de pluviais e para acoller os cimentos da estrutura.

Neste senso, o proxecto consiste nunha estrutura perimetral de pórticos metálicos, un pórtico central que salva a luz nas gradas existentes, e unha cuberta metálica que cubrirá ambas pistas.. Esta estará constituída dunha dobre capa de chapa de aceiro, pregada e curvada. A altura libre das pistas será de sete metros, o que permitirá ás diversas prácticas deportivas federadas nestes espazos. Ademais, instalarase un novo alumeado led, con proxectores de alta eficiencia instalados nas vigas metálicas.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou a utilidade e a flexibilidade que gañan as instalacións ao gozar desta reforma. “Con este proxecto gañamos un espazo para os doce meses do ano, permitindo o deporte independentemente da climatoloxía, xa que protexerá ás persoas usuarias da auga e do sol”.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís dixo que “a cuberta das pistas exteriores vai supoñer un maior aproveitamento das mesmas, non só para actividades municipais, senón que tamén os veciños e veciñas do Milladoiro poderán empregalas nos días de choiva. Moitas actividades que se poden practicar ao aire libre vense afectadas a miúdo pola nosa climatoloxía, polo que con estas cubertas e a mellora no alumeado o seu uso vai ser moito máis elevado, tendo en conta ademais a cantidade de propostas deportivas e lúdicas que vimos organizando”.