Culturactiva SCG achega a Bertamiráns o espectáculo Retrincos de Castelao

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o próximo venres, 12 de maio, a representación de Retrincos de Castelao, que chega a Ames da man de Culturactiva SCG.

731

A obra fai un percorrido por algúns dos textos e viñetas de Castelao

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o próximo venres, 12 de maio, a representación de Retrincos de Castelao, que chega a Ames da man de Culturactiva SCG. A distribuidora galega presenta aos cómicos Isabel Risco e Fran Rei cunha obra que permitirá o achegamento ao particular humor na obra do autor de Rianxo, figura fundamental da cultura e historia de Galicia.

A través dun texto de Diego Rey, no que teñen cabida cinco historias e unha ducia de debuxos dramatizados de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a obra fai un percorrido por algúns dos textos e viñetas deste intelectual, achegando ao público a súa enxeñosa e fascinante forma de ver a Galicia do seu tempo, ofrecendo un mosaico composto de retrincos dunha realidade galega atemporal, que antecede e outorga raíces.

A partir da mirada de dous mortos, Pedro e Zeltia, de épocas, inquedanzas e idades moi diferentes e dun ollo de vidro que dá nova forma á realidade, os espectadores poderán ser quen de presenciar a vida dos homes e mulleres que habitaron esta terra. E grazas a ese ollo e o seu particular ollar seremos quen de comprender realmente a nosa historia e o noso presente.